Abanca completa con Visa unha compra nun comercio iniciada por un axente de IA
xoves, 2 de xullo do 2026
Abanca, en colaboración con Visa, completou con éxito unha transacción iniciada por un axente de intelixencia artificial en nome do titular dunha tarxeta, como parte dunha actividade real de comercio axéntico que se está a desenvolver en Europa.
A entidade financeira galega informou que a transacción realizouse utilizando datos reais de tarxeta e os sistemas existentes do comercio, “o que demostra como os axentes de IA poden iniciar compras de forma segura en nome dos clientes dentro da infraestrutura de pagamentos actual”, sinalou Abanca, engadindo que este fito baséase no anuncio realizado por Visa no Visa Payments Forum de París, onde foi esbozada a folla de ruta para o desenvolvemento e adopción xeneralizada de axentes de IA, pondo en práctica os primeiros proxectos piloto en comercios participantes en sectores como o retallista ou as viaxes.
Abanca explica que “os axentes de IA axudan cada vez máis aos consumidores a buscar, comparar e tomar decisións, e neste contexto, queremos situarnos na vangarda tecnolóxica para transformar estas interaccións en vantaxes reais para o usuario, centrándonos en solucións que simplifican o día a día e elevan a experiencia do cliente ao seguinte nivel de comodidade”.
E engaden: “En Abanca entendemos a innovación non como un fin en si mesmo, senón como o medio idóneo para mellorar a vida dos nosos clientes. A medida que as súas expectativas evolucionan, centrámonos en deseñar experiencias de pagamento que sexan fluídas, sen friccións, intuitivas e, sobre todo, de absoluta confianza”, afirmou Jorge Martínez, director xeral de Medios de Pago e e Consumo, engadindo que “colaborar con Visa en Agentic Ready afianza a nosa posición como referentes no futuro do comercio dixital, un entorno no que os axentes de IA facilitarán as decisións de compra dos usuarios baixo dunha infraestrutura financeira que xa ofrece a máxima escala, seguridade e control”.
Pola súa banda, Eduardo Prieto, director xeral de Visa en España sinala que “os axentes de IA demostraron a capacidade de iniciar transaccións en contornas reais e o noso papel é garantir que cada transacción siga sendo segura, transparente e de confianza. Ao conectar emisores, comerciantes e sistemas de IA a través da nosa rede, estamos a posibilitar esta nova fase do comercio aproveitando a infraestrutura e as proteccións xa existentes”.
