Abanca e Microsoft impulsan o desenvolvemento da tecnoloxía blockchain en Galicia

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Redacción

Baixo o título de Revelando o potencial de blockchain esta mañá Abanca e Microsoft celebraron un evento no que analizaron o presente de blockchain, a tecnoloxía que está a cambiar as transaccións dixitais ao permitir o intercambio de calquera activo dixital de forma segura optimizando procesos, eliminando intermediarios, aforrando custos e reducindo posibles fraudes.
Esta actividade completouse pola tarde cun hackathon onde falarase de SmartContracts, aplicacións de negocio baseadas en blockchain, e retouse aos participantes a construír aplicacións con esta tecnoloxía.
Co uso de blockchain, Abanca continúa avanzando na súa transformación dixital «un dos alicerces fundamentais da estratexia dixital de Abanca é ofrecer aos nosos clientes a tecnoloxía financeira máis innovadora, tentando incorporar as últimas novidades e tendencias do mercado por iso queremos desenvolver todas as posibilidades que ten o mecanismo blockchain na actividade financeira» segundo o director xeral de tecnoloxías de información do banco, José Manuel Valiño.
O obxectivo de Abanca con estas actividades é axudar a que a comunidade galega sexa líder no uso e aplicación desta tecnoloxía. Galicia é, segundo Microsoft, unha das comunidades máis punteiras no ámbito tecnolóxico. A compañía colabora activamente con máis de 250 partners tecnolóxicos en Galicia; trátase de compañías que desenvolven software e proporcionan servizos de consultoría baseados na tecnoloxía de Microsoft ás empresas galegas.
A misión de Microsoft como socio tecnolóxico estratéxico é proporcionar valor diferencial mediante a entrega de solucións que dan resposta ás necesidades do día a día das organizacións. Como explica Pablo Junco, especialista en tecnoloxía Blockchain de Microsoft Corporation: «O noso obxectivo é axudar a transformar a maneira en que se fan os negocios hoxe. Con blockchain podemos facilitar esa axilidade cun sistema máis aberto, transparente e verificable publicamente, que cambia de forma radical o xeito no que pensamos sobre o intercambio de valores e activos, sobre como facer cumprir contratos e compartir datos entre as industrias, cumprindo todas as regulacións en materia de seguridade, privacidade e transparencia». O directivo de Microsoft engadiu: «Cremos firmemente que con blockchain sobre Azure abriremos novas oportunidades de ingresos para as empresas. A desintermediación está a transformar industrias, e blockchain permitirá evolucionar a un modelo que ofreza servizos de valor engadido, centrándose na relación cos clientes».

PUBLICIDADE