Abanca e a CEG mobilizan 650 millóns para impulsar a transformación das empresas galegas
martes, 23 de setembro do 2025
Abanca e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) deron un novo paso no seu compromiso conxunto coa actividade empresarial da comunidade. Fixérono coa sinatura dun convenio de colaboración que, segundo indicaron as dúas entidades, “busca dar respostas aos principais desafíos de empresas, pemes e autónomos a través dunha liña de crédito extraordinario de ata 650 millóns de euros”.
O novo texto foi rubricado esta mañá na sede da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago e participaron o director xeneral Comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites. Tras a firma, os dous representantes pulsaron a actualidade das empresas galegas e acordaron abordar os novos desafíos do colectivo.
As empresas asociadas á CEG poderán acceder a esta liña de financiamento multidestino en condicións preferentes. Esta proposta extraordinaria de crédito pretende acompañar ás necesidades do segmento e financiar os investimentos necesarios para abordar os seus principais retos. O banco e a confederación identificaron entre os posibles destinos a adopción de enerxías máis sostibles, o impulso á internacionalización, a integración da IA, a implantación de procesos automatizados e robotizados ou a mellora competitiva en xeral.
Indicaron que todo este investimento crediticio será canalizado a través da oferta de produtos e servizos do banco, que inclúe solucións adaptadas ás necesidades das empresas. Para iso, o banco conta con xestores altamente cualificados para atender as necesidades de empresas, pemes e autónomos e coa rede de oficinas máis capilar de Galicia, onde ademais é a única entidade en 175 concellos.
