Abanca logra a certificación internacional FIDO para o seu servizo Chave

mércores, 23 de abril do 2025 S. P.

Abanca vén de acadar a certificación internacional FIDO para o seu servizo Chave Abanca, a solución tecnolóxica de verificación de identidade dixital desenvolvida pola entidade galega que permite aos clientes validar operacións en banca móbil de “forma segura e rápida, mediante o método de desbloqueo do seu teléfono”.
A certificación FIDO (Fast IDentity Online) foi outorgada pola Alianza FIDO, a principal asociación internacional que impulsa estándares de autenticación dixital máis robustos e sinxelos que os contrasinais ou os códigos únicos. Este consorcio está integrado por compañías tecnolóxicas referentes a nivel mundial (Google, Apple, Microsoft, Amazon ou Visa, entre outras), que se uniron cos devanditos obxectivos.
Coa certificación FIDO a Chave Abanca, esta alianza global acredita que a solución implementada polo banco “cumpre cos máis altos estándares de verificación de identidade en liña”.
Chave Abanca está baseada na tecnoloxía de chaves de acceso, tamén coñecida como Passkey, que, no canto de contrasinais, emprega claves de cifrado para a autenticación dixital dos usuarios. Unha vez activado o servizo na aplicación de banca móbil, o cliente pode validar as súas operacións bancarias facilmente e de forma segura coa súa chave encriptada, confirmando a súa identidade mediante o método de desbloqueo que configurase no seu teléfono. “O sistema garante a privacidade dos datos biométricos do cliente, xa que estes están gardados no seu dispositivo e unicamente el ten acceso aos mesmos”, explicaron fontes de Abanca, engadindo que a entidade galega foi “a primeira financeira española en aplicar, en 2024, este servizo na súa aplicación móbil para achegar aos seus clientes un factor adicional de seguridade e axudar a protexelos fronte a intentos fraudulentos de suplantación de identidade como o phishing ou o smishing”.
Neste momento, máis do 42% dos usuarios de banca móbil da entidade utilizan esta solución.