Abanca súmase á Global Money Week cunha formación en educación financeira e ciberseguridade

martes, 18 de marzo do 2025 S. P.

Abanca e a súa Obra Social Afundación súmanse esta semana á celebración da Global Money Week, un evento de carácter internacional organizado pola OCDE para concienciar da importancia da educación financeira, cunha nova iniciativa dirixida a estudantes de diferentes etapas educativas.
A proposta preséntase baixo o título Maratón de retos financeiros e amplía o programa de educación financeira que desenvolven o banco e Afundación desde 2015. A entidade galega lembra que o curso pasado 202.492 persoas participaron nas diferentes actividades organizadas no marco deste programa.
Maratón de retos financeiros consiste nunha serie de sesións formativas en centros escolares nas que os estudantes poñerán a proba os seus coñecementos en educación financeira a través de actividades gamificadas. Nos encontros abordaranse temas como a ciberseguridade, o consumo responsábel ou as finanzas persoais.
Para poder afrontar estes retos, os alumnos e alumnas contarán co apoio dos responsables territoriais de Abanca de cada zona xeográfica, que lles explicarán previamente conceptos financeiros básicos adaptados ao seu nivel académico, poñeranlles exemplos de situacións reais e resolverán todas as dúbidas que poidan ir xurdindo durante a actividade.
En total, están previstas once sesións entre o mércores 19 e o martes 24 nas que participarán 250 estudantes de Educación Primaria, Secundaria e Formación Profesional de Galicia, Castela e León, Estremadura, Madrid, País Vasco e Murcia, territorios onde o banco conta cunha presenza significativa.
En concreto, a actividade desenvolverase no IES Arcebispo Xelmírez de Santiago de Compostela (19 de marzo), Colexio Marista La Inmaculada de Lugo (20 de marzo), Colexio Otxarkoaga de Bilbao (20 de marzo), CEIP Curros Enríquez da Coruña (21 de marzo), Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra (21 de marzo), Colexio Divina Pastora de León (21 de marzo), Colexio Losada de Vigo (21 de marzo), IES Los Barruecos de Cáceres (21 de marzo), Colexio Marista Santa María de Ourense (21 de marzo), CEIP San Andrés de Murcia (21 de marzo) e o CEIP Nuria Espert de Madrid (25 de marzo).