Abel Losada alerta das estafas con criptomoedas, que en 2024 superaron os 3,2 millóns na provincia de Pontevedra
mércores, 26 de marzo do 2025
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, lanzou este mércores 26 de marzo unha mensaxe de alerta aos cidadáns para que teñen presentes os riscos de investir en criptomoedas. Para facernos unha idea da magnitude do problema, reflectiu as cifras das comisarías da Policía Nacional e da Comandancia da Garda Civil da provincia, que “demostran que as ciberestafas con esta modalidade alcanzaron os 3.235.679 euros ao longo do ano pasado”. Deste xeito, un total de 117 persoas foron enganadas polos delincuentes e perderon o seu diñeiro.
Losada tamén advirtiu de que os datos provisionais do que vai de ano amosan que o impacto desta delincuencia especializada “non deixa de medrar”, polo que considera necesario alertar á poboación dos riscos de confiar en asesores, axencias ou falsos brokers en liña sen o debido asesoramento e sen ningunha garantía. “Están a chegar moitas denuncias de persoas que, unha vez que perden o seu diñeiro, ven como se lles reclaman pagos adicionais para recuperar o seu investimento e volven ser estafadas”, sinalou, engadindo que “estamos ante un fenómeno extremadamente preocupante porque afecta a persoas do rural e do urbano, a xente con capacidades económicas moi distintas e mesmo as persoas de todos os niveis de formación académica ou profesional”.
Sinalou tamén que a estafa de menor importe na provincia foi de 248 euros e produciuse na cidade de Pontevedra e a máis elevada alcanzou os 356.000 euros e foi recollida pola Garda Civil. No entanto tamén hai cinco denuncias na provincia por importe superior aos 100.000 euros.
A Garda Civil recolleu un total de 59 denuncias e rexistrou a perda dun total de 1.647.186 euros na provincia. Na Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra rexistráronse 30 denuncias e un volume de 573.452 euros estafados. Na Comisaría de Vigo-Redondela, un total de 853.941 euros e 20 denuncias. Na Comisaría de Vilagarcía presentáronse 7 denuncias por un importe de 148.000 euros. Finalmente, na Comisaría de Marín rexistrouse unha denuncia por valor de 13.100 euros.
Explicou que o modus operandi é unha captación inicial na que os estafadores contactan coas vítimas a través das redes sociais, correos electrónicos, anuncios publicitarios ou chamadas telefónicas nas que se presentan como brokers, asesores financeiros ou representantes de plataformas lexítimas. “Empregan identidades falsas e prometen sempre alta rendibilidade con baixo risco”, advirtiu Abel Losada, quen subliñou que “en moitas ocasións as persoas estafadas son convencidas de que non poden deixar escapar unha ocasión única”.
Os ciberdelincuentes adoitan pedir un primeiro investimento de contía modesta e solicitan os datos persoais do investidor, simulando procesos lexítimos. A seguir informan de ganancias ficticias para xerar confianza. As vítimas ao ver o seu investimento medrar séntense motivadas e entregan máis diñeiro. “Cando a vítima pretende recuperar o seu diñeiro comezan as escusas, bloquéanse os fondos alegando problemas técnicos ou mesmo solicitando pagos adicionais en concepto de comisións ou impostos, pagos adicionais que, en moitas ocasións”, sinalou, comentando que os estafadores logo destas prácticas cortan o contacto e desaparecen sen deixar rastro.