Abel Losada destaca os avances da despregadura da fibra óptica no Val Miñor

luns, 25 de marzo do 2024 S. P.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou este luns 25 de marzo “o imparábel avance na despregadura da fibra óptica no Val Miñor”, comarca que puxo como exemplo do esforzo do Goberno de España por levar a conectividade dixital con velocidades simétricas mínimas de 100 Mbps “até o último recuncho do último municipio dunha provincia cunha densidade de poboación tan alta e tan dispersa como a nosa”. O subdelegado desprazouse a Nigrán onde supervisou, xunto co alcalde, Juan González, o concelleiro de Urbanismo, Diego G. Moreira, e o delegado de Rede Aberta, Óscar Barreiro, os traballos de subministro da fibra que levan a cabo neste municipio.
Losada explicou que segundo o último informe do Ministerio para a Transformación Dixital Nigrán, Gondomar, Mos e Baiona son municipios nos que hai moi poucos permisos pendentes de conceder para acometer as intervencións necesarias na extensión da fibra nesta recta final do Plan ÚNICO-Banda Larga do Goberno, financiado con fondos europeos do Plan de Recuperación.
Abel Losada incidiu no “papel destacado que a provincia de Pontevedra mantén na execución dos plans de conectividade a Internet de alta velocidade, onde se coloca no noveno posto do total de 52 provincias en canto a axilidade na tramitación de permisos para a súa despregadura”.
A firma encargada de achegar estes equipamentos é a operadora neutra Rede Aberta, que ten como previsión acadar en 2025 a cobertura en toda a provincia. A empresa, cunha adxudicación de 7.685.861 euros neste contrato estatal, estimou un investimento total na súa rede que chegará aos 9.675.858 euros.
En total está previsto que na provincia de Pontevedra sexan instalados 3,5 millóns de metros de fibra óptica para levar o servizo a todos os núcleos de aquí a decembro de 2025, “o que supón un gran esforzo de enxeñaría para encaixar todo ese cableado principal e secundario e os nodos de conexión”, sinalou o subdelegado.
Actualmente as zonas nas que se está tendendo cable de maneira máis avanzada son o Val Miñor (especialmente en Nigrán), o Baixo Miño, Arousa, o norte do Deza (Lalín, Agolada e Rodeiro) e a zona da Louriña (O Porriño, Mos e Salceda de Caselas), así como a Paradanta (Arbo e As Neves).
Abel Losada indicou que nesta fase, o plan ÚNICO-Banda Larga fará chegar a fibra óptica a outras 18.104 unidades familiares e empresas de aquí a finais de 2025 “mellorando así a competitividade e facendo posíbel que todo o mundo desenvolva un proxecto laboral e de vida alá onde decida residir”.