Aberta a consulta a operadores para despregar fibra na zona vella de Santiago

martes, 12 de novembro do 2019 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) publicou este 12 de novembro unha resolución conxunta co Concello de Santiago para que os operadores de telecomunicacións poidan presentar proxectos de despregue de fibra óptica no casco histórico de Compostela, en base ao Catálogo de Solucións Técnicas aprobado este verán polo Goberno galego. Segundo engade a axencia, até o 22 de novembro os operadores poden facer chegar o seu interese en participar na consulta a través dun formulario tipo recollido na resolución, que poden remitir a través da páxina web da axencia (https://amtega.xunta.gal/consultafo) ou a través do correo consultafo@xunta.gal.
AMTEGA explica que logo deste procedemento, abrirase unha primeira rolda de xuntanzas cos operadores interesados ata o 16 de decembro. A resolución contempla un prazo de dous meses hábiles desde a súa publicación para a presentación dos plans de fornecemento tecnolóxico. Os proxectos que presenten os operadores deberán detallar o modelo de despregue e de financiamento.
Catálogo de Solucións
Os operadores formularán os posíbeis plans baseándose nas alternativas que ofrece o Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia, elaborado pola AMTEGA, RETEGAL e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Como lembra a axencia que dirixe Mar Pereira, a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar, elaboráronse unha serie de propostas viábeis e con marxe para seren adoptadas a outros conxuntos históricos. Entre as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregue da fibra óptica a través das redes de saneamento. Segundo lembra AMTEGA, a iniciativa ten un marcado cariz pioneiro, xa que a publicación do catálogo e coa apertura da consulta aos operadores, “Galicia está a abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución”.

PUBLICIDADE