Aberta a convocatoria de axudas para empresas de base tecnolóxica

martes, 22 de abril do 2025 Redacción

As axudas autonómicas para impulsar iniciativas de base tecnolóxica (IEBT) poderán solicitarse até o 30 de setembro segundo recolle a convocatoria deste ano, publicada no Diario Oficial de Galicia, que conta cun orzamento de medio millón de euros para cubrir os gastos das persoas emprendedoras durante o seu primeiro ano de actividade. Estímase que ata 21 proxectos poidan beneficiarse desta iniciativa.
A convocatoria inclúe apoios económicos para favorecer o lanzamento das iniciativas en catro ámbitos: creación directa de emprego estable, posta en marcha da actividade, apoio á función xerencial e conciliación da vida persoal, laboral e familiar. As achegas poderán acadar os 24.000 euros para a creación de emprego estable, os 30.000 para o inicio da actividade e os 12.500 para apoiar a función xerencial. No caso das cooperativas ou sociedades laborais, a axuda verase incrementada nun 25 %. En canto á liña de conciliación, poderá chegar até os 3.000 euros.
A axuda mínima por persoa desempregada incorporada para a creación de postos de traballo indefinidos durante o primeiro ano de funcionamento será de 6.000 euros, podendo alcanzar os 8.000 se a persoa traballadora é menor de 30 anos, maior de 52, muller, emigrante retornada ou estranxeira. Ademais, as achegas poderán incrementarse nun 25 % adicional acumulábel se o centro de traballo está localizado nun concello rural, entre outras circunstancias.
Os gastos de posta en marcha abranguen aqueles derivados de servizos de notaría e rexistro, compra de materias primas, alugueiro de locais ou equipamentos, seguros, publicidade e páxinas web. No que respecta aos apoios á conciliación, estes permitirán cubrir até o 75 % dos custos dos servizos de atención a menores, persoas maiores ou dependentes que contraten as persoas promotoras dos proxectos. Os apoios á función xerencial inclúen achegas para a formación empresarial e/ou para a contratación externa de análises, estudos ou informes.