Aberta a inscrición no novo curso de Big Data para persoas desempregadas na Coruña
xoves, 25 de maio do 2023
O
Concello
da Coruña, a través da área municipal de Emprego, abriu o prazo de
inscrición nun novo curso de formación gratuíta en Big
Data (tecnoloxías da análise da información
a gran escala) orientado a persoas desempregadas e promovido ao
abeiro do programa Actualízate.
O
curso, que comezará o vindeiro luns 29 de maio e terá continuidade
ata o 30 de xuño, impartirase nas instalacións do Centro Municipal
de Emprego. Terá unha duración de 253 horas e levarase a cabo en
horario de 9.00 a 18.00 horas.
Ademais,
e como novidade, o Concello convocou un curso de formación en
ciberseguridade, que se celebra entre os días 11 de setembro e 13 de
outubro. A inscrición neste módulo tamén está habilitada, e xa
é posíbel solicitar praza a través da páxina web de Emprego.
En
ambos os casos, tanto para o cuarto curso de formación en Big
Data como para a primeira quenda do curso de formación en
ciberseguridade, as persoas participantes terán a posibilidade de
contar con 12 horas de orientación laboral. Ademais, nas dúas
convocatorias consta un compromiso de inserción laboral de seis
meses para un mínimo do 25% do alumnado que finalice o programa.
Pódense
inscribir todas as persoas residentes no termo municipal da Coruña,
en idade de traballar, apuntadas como demandantes de emprego no
Servizo Público de Emprego de Galicia, sen necesidade de contar con
ningunha formación académica previa. Neste sentido, e co obxectivo
de diminuír a fenda de xénero existente nas profesións TIC, polo
menos un 35% das prazas ofertadas van destinadas a mulleres.
Os
obxectivos do programa Actualízate
Con
motivo da “alta demanda de persoas solicitantes nas anteriores
convocatorias”, o Concello da Coruña ampliou o abano da oferta
formativa dispoñíbel tanto no eido das ferramentas de análise da
información como na protección en liña, co obxectivo de “dar
formación a máis persoas desempregadas e facilitar o seu acceso a
postos de traballo que dispoñan dunha estratexia de transformación
dixital”.
Esta
iniciativa é froito do convenio asinado coa UTE Innova Next, SLU e
The Valley Digital School SL para o desenvolvemento da formación
para o emprego e intermediación no sector da tecnoloxía e a
comunicación.
O
programa Actualízate, xestionado polo Concello da Coruña,
está impulsado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de
Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría
de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e
cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). Nos vindeiros meses
abrirase a cuarta e última convocatoria do proxecto con 28 novas
prazas. Pode solicitarse información a través do Centro Municipal
de Emprego e tamén se pode consultar na páxina web do servizo de
Emprego.