Abertas as inscricións nos dez cursos gratuítos que a Aula CeMIT de Poio organiza en decembro

venres, 1 de decembro do 2023 S. P.

A Aula CeMIT do Concello de Poio ofrece en decembro dez cursos gratuítos en habilidades dixitais ao servizo da cidadanía do municipio. En total, o espazo de alfabetización dixital (CeMIT) impartirá 49 horas de formación. Os cursos teñen abertas as súas inscricións.
Os obradoiros formativos comezarán xa este venres, día 1, coas formacións Videoconferencias online, que comezará ás 16.00 horas e na que se explicará o funcionamento de diferentes plataformas que ofrecen este servizo, e Uso seguro do ordenador e do móbil, a partir das 17.30 horas, no que se informará e aconsellará aos asistentes sobre bos hábitos á hora de usar o ordenador e o teléfono móbil, así como as medidas de seguridade que están dispoñibles para protexerse.
Entre o luns 4 e o xoves 7 celebrarase a actividade Iniciación ao procesador de textos LibreOffice Writer, ás 16.00 horas, no que o usuario aprenderá a crear e modificar un documento, darlle un formato básico, gardalo e imprimilo.
Trámites online será o luns 4, ás 17.30 horas, e neste curso verase o diferentes tipos de trámites que se poden realizar en liña e mediante as aplicacións dos teléfonos móbiles smartphone: entre outros, pedir cita previa, obter a vida laboral ou descargar formularios de solicitudes.
O martes 5, ás 17.30 horas, impartirase Merca de xeito seguro na Rede, no que os participantes coñecerán as posibilidades das compras por internet e a identificar as páxinas seguras para realizar compras sen riscos.
Xeoposicionamento con openstreetmaps (OSM), desenvolverase o xoves 7 ás 17.30 horas. Verase o funcionamento desta aplicación web de código aberto, coñecida como a Wikipedia dos mapas, e que permite xeolocalizar e rexistrar os diferentes elementos que se poden atopar na rúa: edificios, cafeterías, papeleiras, xardíns, bancos.... para que poidan ser consultados polo resto de usuarios.
Do luns 11 ao venres 15 celebrarase o curso Procesador de Textos LibreOffice Writer, nivel medio. Explicarase como aplicar formatos avanzados, modificar as propiedades do documento, traballar con táboas e elementos gráficos e coñecer máis en profundidade as ferramentas máis utilizadas.
Na semana do 18 ao 22 de decembro, organizaranse dous cursos. O primeiro, Edición de imaxes con Gimp, impartirase ás 16.00 horas, e permitirá ao usuario coñecer o funcionamento deste programa gratuíto así como as ferramentas básicas de deseño. Follas de Cálculo con Libreoffice calc (nivel medio), desenvolverase a partir das 17.30 horas, e os usuarios aprenderán a aplicar formatos condicionados, inserir gráficas ademais e posibilidades esta aplicación móbil.
Todos os cursos son gratuítos, están destinados a maiores de 14 anos e impártense presencialmente na propia aula. Nas inscricións terán preferencia as persoas residentes en Poio, e xa se poden facer a través da páxina web da Rede CeMIT, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia aula, situada en Combarro.