Abertas as inscricións para o Curso de Informática Forense do CPETIG
luns, 5 de maio do 2025
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) organiza esta tempada unha actividade formativa relacionada cun dos principais ámbitos de traballo do colexio: a confluencia entre xustiza e tecnoloxías. Trátase dun Curso de Informática Forense destinado a tódolos profesionais interesados en adquirir coñecementos en análise de evidencias dixitais.
Dende o CPETIG avanzan que na actualidade “esta disciplina é fundamental á hora de resolver incidentes de seguridade como ciberataques e abre unha saída profesional aos enxeñeiros/as técnicos en informática cada vez mais necesaria na sociedade”.
Estamos ante unha formación de 9 horas de duración en modalidade presencial con dúas sesións de 4 horas e media por xornada, a celebrar durante un fin de semana: venres 6 (de 16:30 a 21:00 horas) e sábado 7 de xuño (de 09:30 a 14:00 horas).
O curso está aberto á participación de calquera persoa ou representante do sector público ou privado, e especialmente enfocado a perfís: peritos informáticos, responsábeis de seguridade TIC, persoal das oficinas de seguridade, auditores internos ou externos, consultores, avogados e profesionais interesados en adquirir coñecementos en análise de evidencias dixitais.
A apertura das inscricións comezou o venres, día 2 de maio, e poden facerse a través de Eventbrite. Haberá códigos de descontos para os precolexiados e colexiados de Enxeñaría Técnica e Enxeñaría en Informática que se poden consultar na web, cos que poderán acceder de xeito gratuíto.
O curso celebrarase de xeito intensivo durante o venres, día 6 de xuño e o sábado, 7 na Sala 9 do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A formación estará a cargo de docentes e profesionais no campo xurídico e tecnolóxico entres os que se atopan o socio-manager en Pintos & Salgado Avogados, Vítor Salgado, o perito e socio de 3inLab Informática Forense, Carlos Vila e o colexiado e membro da xunta de goberno do CPETIG, Juan Luís Miguéns.
Os principais obxectivos de formación serán coñecer o marco xurídico sobre o que se sustenta o labor do perito, coñecer as técnicas necesarias para adquirir e preservar evidencias dixitais, afondar nos conceptos teóricos en que se basea unha análise forense, adquirir os coñecementos necesarios para a análise das evidencias contidas en medios dixitais, saber como redactar un informe pericial baseado na análise forense das evidencias dixitais, saber como redactar un informe contrapericial, saber como expresar as conclusións alcanzadas tras unha análise forense, defensa do informe pericial e contrapericial en sede xudicial.