Abertas as inscricións para participar na 5ª edición do certame Galetiktokers
xoves, 24 de outubro do 2024
A mocidade de Ames xa pode inscribirse no V certame GaleTiktokers, unha iniciativa organizada polo Servizo de Normalización Lingüística e o departamento de Mocidade do Concello coa que se pretende estimular a creatividade entre a xuventude, animar á creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e dar visibilidade á comunidade galega de tiktokers.
O concurso está aberto a toda a mocidade entre os 13 e os 35 anos, e os seus vídeos serán valorados por un xurado composto por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual galego e nas redes sociais. As inscricións poden formalizarse a través da conta galetiktokers24@gmail.com enviando a ficha de participación cuberta e asinada xunto co vídeo creado. O prazo xa está aberto e rematará o vindeiro 4 de novembro de 2024. Os premios entregaranse nunha gala que terá lugar o 23 de novembro de 2024 na Casa da Cultura do Milladoiro.
Categorías, premios e xurado
No certame poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 17 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 18 anos. Ao igual que na anterior edición, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.
De novo, o certame repartirá seis premios de 300 euros. Catro dos premios decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, mentres que os outros dous serán escollidos polo público, que votará premendo “gústame” nos vídeos subidos ao perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames). Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.
Características e condicións dos vídeos
Os vídeos creados para o V Galetiktokers teñen que estar en lingua galega, e deben ser de creación propia a través da aplicación TikTok ou da sección Reels de Instagram, cunha duración de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical.
A temática é libre, polo que terán cabida no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, co baile, coa interpretación, co deporte ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.
Todas as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames), co cancelo #galetiktokers. O prazo de votación para determinar os premios do público será unicamente de dous días, das 11:00 horas do 6 de novembro ás 11:00 horas do 8 de novembro. Neste período contabilizaranse os gústame nas publicacións no perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa!, do que fará falta ser seguidor ou seguidora para votar.