Abertas as solicitudes para o programa Emega de apoio ao talento empresarial feminino

martes, 15 de xullo do 2025 Redacción

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou esta mañá as instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, para coñecer de primeira man os proxectos que se están a desenvolver neste espazo. Durante a visita, na que estivo acompañada polo director do parque, Javier Taibo Gallego, e pola responsable de Woman Emprende e titora dos proxectos Emega, Eva López Barrio, anunciou que desde hoxe está aberta a convocatoria de axudas do programa Emega, destinado a impulsar o talento empresarial feminino. Esta iniciativa conta cun orzamento superior aos 5 millóns de euros e permitirá apoiar arredor de 350 proxectos de emprendemento liderados por mulleres.
Ao remate do percorrido polas instalacións, Quintiana salientou que este programa supón un apoio clave para proxectos con carácter innovador e tecnolóxico, a través da modalidade Emega Innova, que contempla achegas de ata 42.000 euros para iniciativas con compoñente tecnolóxica ou investigadora. Ademais desta modalidade, destacou outras tres liñas de axuda: Emega Emerxe, con achegas de ata 22.000 euros para novas iniciativas empresariais; Emega Impulsa, con subvencións de ata 17.000 euros para reactivar e consolidar empresas promovidas por mulleres, incorporando medidas para mellorar a súa competitividade; e Emega Concilia, unha achega complementaria destinada a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral tanto das promotoras como das súas traballadoras.
Por outra banda, a directora xeral subliñou que a convocatoria deste ano introduce como principal novidade o reforzo de criterios específicos para a concesión das axudas, co obxectivo de apoiar especialmente a mulleres maiores de 55 anos, proxectos situados en contornas rurais ou pertencentes a sectores tradicionalmente masculinizados, así como iniciativas de carácter colaborativo. Neste contexto, os Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego asumirán un papel estratéxico, especialmente nas zonas rurais, a través dun programa formativo específico dirixido ás beneficiarias.