Abertas en Narón as inscricións para os cursos preparativos do certificado Comdix

luns, 7 de outubro do 2024 S. P.

O Concello de Narón, a través do edil de Novas Tecnoloxías, Román Romero, anunciou a apertura do prazo de inscrición en dous novos cursos a realizar na Aula CeMIT de Xuvia: dúas quendas simultáneas do preparatorio do certificado de capacitación tecnolóxica Comdix. Unha destas quendas impartirase en quenda de mañá, de 9:30 a 13:30 horas, e a outra pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas.
Ofértanse doce prazas para cada un destes cursos e o contido dos mesmos coincide co itinerario formativo do programa de autoformación de axencia AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), impartindo máis horas das indicadas no itinerario, “para que o alumnado participante poida acudir ás probas de certificación que se convoquen, coa máxima preparación, e obter un resultado positivo”, sinalou o concelleiro.
O itinerario completo para obter o certificado galego de competencias dixitais (nivel iniciación) son sete cursos, polo que o Concello impartirá os catro primeiros para deixar programados a principios de 2025 os outros tres cursos preparatorios.
Os cursos preparatorios Comdix-iniciación: empezamos ata tecnoloxías dixitais impartiranse do 4 de novembro ao 20 de decembro e teñen un total de 136 horas cada un deles. As persoas interesadas en realizar esta formación deben anotarse a través da plataforma CeMIT.