Aberto ata o 20 de xullo o segundo prazo de inscrición para a ceLANova Party

xoves, 19 de xullo do 2007 Raquel Noya

Os vindeiros 6, 7 e 8 de agosto, o Concello de Celanova (Ourense) vai recibir (por terceiro ano consecutivo), ós participantes dunha nova edición da ceLANova Party, unha festa dedicada ás novas tecnoloxías e a Internet que, dende os seus inicios, tivo gran afluencia de público procedente de tódolos recunchos da provincia.
O prazo para realizar a inscrición rematará mañá venres 20 de xullo e os participantes que realicen o pagamento antes da devandita data participarán no sorteo dunha caixa Xion Solaris, que se celebrará o vindeiro 6 de agosto ás 18:00 horas.
O rexistro para participar neste evento farase por Internet a través da páxina oficial da ceLANova Party ou na Oficina de Información Xuvenil no Concello de Celanova; o prezo é de 15 euros e as prazas son limitadas.
Este ano, por coincidir coa data de celebración do Ano Xubilar de San Rosendo (Patrón de Celanova), a ceLANova PARTY vai acoller máis visitantes ca noutras ocasións, para os que non faltarán os acostumados premios e agasallos tradicionais.
A Oficina de Información Xuvenil do Concello de Celanova, que promove a celebración do evento, conta coa colaboración dun grupo de mozos entusiastas para levar a cabo esta actividade lúdica, educativa como a que máis e sen arela de lucro, que aínda que non ten escenario definitivo, contará con zonas para ordenadores, zonas para videoxogos, aulas de conferencias, zonas de acampada, espazos de máquinas expendedoras e outros para actividades paralelas como concertos e obradoiros demostrativos.
Entre as diversas actividades que se levarán a cabo nesta festa informática pioneira en Ourense (alén do ámbito universitario), destacan as competicións de videoxogos, de programación e de modding (persoalización das carcasas dos computadores) para as que haberá premios para os primeiros postos e conferencias e obradoiros sobre temas de actualidade informática, levadas a cabo por recoñecidos profesionais do sector.

PUBLICIDADE