Aberto até o 15 de novembro o prazo para solicitar o bono dixital

martes, 8 de agosto do 2023 S. P.

Dende o 19 de xullo e até o 15 de novembro de 2023 está aberto o prazo de presentación de solicitudes para o bono dixital. A iniciativa, enmarcada no programa estatal Único Bono Social, permitirá a persoas ou fogares en risco contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensualidade ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.
As persoas que soliciten os bonos deberán levar a cabo a contratación ou mellora dun servizo fixo de banda larga, cunha velocidade mínima de 30Mbps, a través dunha das entidades colaboradoras que figuran na listaxe achegada pola axencia autonómica AMTEGA.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes a través do formulario normalizado dispoñíbel na sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Amais, as persoas que o desexen poderán dirixirse ao departamento de Servizos Sociais dos seus concellos para realizar a tramitación.
Obxectivos
O bono dixital contribuirá a financiar a contratación de novos servizos de conexión a banda larga ou o incremento da velocidade dos xa contratados desde unha localización fixa e irá destinado a persoas físicas de unidades familiares que fosen identificadas como vulnerábeis. O bono dixital permitirá ao solicitante a contratación do servizo indicado no punto anterior, tendo dereito a unha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, e chegará a acadar como máximo os 240 euros.
Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (RISGA) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.
Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se atope en situación ou risco de exclusión social.

PUBLICIDADE