Aberto até o 16 de abril o prazo para solicitar praza nos Campamentos Dixitais da Xunta
luns, 7 de abril do 2025
O prazo para presentar solicitudes para participar nos Campamentos Dixitais da Xunta de Galicia ficará aberto até o vindeiro mércores 16 de abril. Poderán participar rapazas e rapaces de 9 a 17 anos de todos os concellos galegos, co obxectivo de mellorar as súas competencias dixitais e obter recursos que garantan navegacións seguras, creativas e saudábeis, ao tempo que socializan e fan novas amizades. Hai 9.300 prazas gratuítas dispoñíbeis, segundo confirmou a Xunta (Consellería de Educación), que engadiu que 7.000 delas habilítanse nesta primeira convocatoria para centros públicos, que se completan con outras 2.300 máis para centros concertados.
Recentemente o conselleiro Román Rodríguez salientou a oportunidade desta iniciativa na medida en que os rapaces van poder “perfeccionar as súas destrezas e competencias dixitais ao tempo que se facilita a conciliación das familias durante a época estival”.
Segundo dixo, os campamentos contarán, ademais, cun amplo abano de actividades complementarias enfocadas á convivencia e a fomentar as relacións sociais e a cohesión dos grupos.
Os campamentos, aos que se destina máis de 2M€, van dirixidos ao alumnado de entre 9 e 17 anos, para estadías en quendas dunha semana que se celebrarán desde o 23 de xuño ata o 5 de setembro, é dicir, coincidindo co período de vacacións escolares, cando os centros abrirán para acoller esta iniciativa. En canto á asignación das prazas, terase especial atención ao alumnado de contornas vulnerábeis por cuestións de índole socioeconómica, por ter unha discapacidade ou por residir en zonas con baixa conexión, entre outras.
Durante as estadías, en horario de 9,00 a 16,00 horas, os rapaces estarán atendidos por profesionais especializados en competencias dixitais contratados especificamente para desenvolver este programa, xa que o obxectivo é reforzar os coñecementos do alumnado e, deste xeito, contribuír a atallar a fenda dixital, en cumprimento do mandato da Unión Europea ao respecto. Paralelamente, configúrase como unha medida de apoio á conciliación das familias na época estival, unha vez que remata o período lectivo.
Haberá dous itinerarios formativos: un de competencias básicas dirixido a alumnos de entre 9 e 13 anos de idade e outro de competencias avanzadas para alumnos de entre 14 e 17 anos, organizados en grupos de entre 15 e 25 alumnos. Os alumnos que superen o curso poderán certificar 30 horas de formación. Para o desenvolvemento das actividades os alumnos contarán con materiais dixitais específicos e metodoloxías activas.
Calendario das estadías:
1ª quenda 23 xuño – 27 xuño 2025
2ª quenda 30 xuño – 4 xullo 2025
3ª quenda 7 xullo – 11 xullo 2025
4ª quenda 14 xullo – 18 xullo 2025
5ª quenda 28 xullo – 1 agosto 2025
6ª quenda 1 setembro – 5 setembro 2025