Aberto até o 16 de maio o prazo para presentar candidaturas aos VII Premios PEL da Deputación da Coruña

mércores, 23 de abril do 2025 S. P.

A Deputación da Coruña informou de que xa está aberto o prazo para presentar candidaturas á sétima edición dos Premios PEL: Premios ás mellores iniciativas empresariais da provincia (PEL-EPR PREMIO 2025), uns galardóns incluídos entre as accións de incentivos á calidade e á innovación da idea empresarial do Plan de Emprego Local (PEL) co que se pretende “recoñecer ás mellores iniciativas empresariais da provincia da Coruña”. Ao mesmo temo, estes premios buscan “fomentar a imaxe positiva destas iniciativas realzando o seu papel fundamental como xeradoras de riqueza, emprego e benestar, contribuíndo á súa sustentabilidade, fomentando a cultura emprendedora e potenciando o rural”.
Cun orzamento total de 75.000 euros, os premios están dirixidos a pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas con domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña.
Nesta edición outorgaranse 20.000 euros á candidatura gañadora de cada unha das tres categorías seguintes:
1ª Categoría: Premio Iniciativa emprendedora. Dirixida a recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas que iniciaran a súa actividade empresarial nas anualidades 2023, 2024 ou 2025.
2ª Categoría: Premio Traxectoria empresarial. Destinada a recoñecer a contribución das pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas que comezasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2022 ou con anterioridade.
3ª Categoría a proposta do xurado: Premio Proxección e Innovación Sostíbel. Sen postulación previa de candidaturas.
No caso de que o xurado considere que algunha empresa que non chegou a obter o premio en calquera das tres categorías, teña demostrado méritos destacados, poderá outorgar ata tres accésits por valor de 5.000 euros brutos cada un.
A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación, a través da plataforma Subtel.
O prazo de presentación de candidaturas ficará aberto ata o 16 de maio ás 14.00 horas.
Pódense consultar as bases e a convocatoria publicadas no BOP tanto na plataforma Subtel como na páxina web dos Premios PEL.