Aberto até o 22N o prazo de inscrición no webinar sobre xornalismo de datos con Miguel Rodríguez Fernández

martes, 7 de novembro do 2023 S. P.

Até o mércores 22 de novembro está aberto o prazo para apuntarnos ao seminario en liña Introdución ao xornalismo de datos: primeiros pasos, competencias e ferramentas, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e impartido por Miguel Rodríguez Fernández, que se realizará o sábado 25 de novembro, en horario das 11.00 ás 13:00 horas.
Nesta actividade formativa farase un percorrido polas orixes e a teoría do xornalismo de datos, explicaranse as diferentes vertentes ou áreas de especialización que existen dentro del, darase conta da grande variedade de ferramentas e linguaxes de programación dispoñíbeis para as e os xornalistas e ofreceranse orientacións e consellos básicos para introducirse nesta corrente do xornalismo, así como recursos e cursos para continuar coa formación nesta materia.
Porase o foco no que o Colexio denomina “o kit do xornalista de datos”, nos que adoita haber moitas ferramentas que van desde o máis simple (bo coñecemento de Excel e algunhas aplicacións gratuítas de visualización de datos como Tableau, Infogram, Datawrapper, Flourish...) até cousas máis complicadas como controlar linguaxes de programación (R, Python, Javascript...) ou software para manipular datos xeográficos e facer mapas máis complexos (QGIS, Esri, Blender...).
O curso será impartido por Miguel Rodríguez Fernández, licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado en Xornalismo de Datos e Computacional pola Universidade de Cardiff. Tras unha carreira en distintos medios galegos e estatais, traballou como xornalista de datos na Press Association e desde 2019 é Editor de Datos en ICIS, publicación internacional especializada na cobertura de mercados enerxéticos e petroquímicos.
O curso realizarase a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, existindo tamén a posibilidade de acceder á gravación en diferido para aquelas persoas que non poidan conectarse en directo.

PUBLICIDADE