Aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de Mobile Culture do sábado 7 de outubro no Ágora

martes, 3 de outubro do 2023 S. P.

O Concello da Coruña, a través da Área de Fomento e Promoción da Cidade, abriu o prazo de solicitude para participar nos obradoiros formativos incluídos na programación do Mobile Culture, unha xornada interactiva sobre arte, cultura e novas tecnoloxías que terá lugar no Centro Sociocultural Ágora o sábado 7 de outubro.
Esta iniciativa vai dirixida ás e aos profesionais do tecido cultural da cidade e, en xeral, á cidadanía interesada nas actividades e coloquios que terán lugar no evento, orientadas á innovación dixital en termos culturais e artísticos.
O Mobile Culture, co-financiado a través do programa europeo Erasmus+, celebrarase na aula 9 do Ágora en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas. Durante a xornada, as persoas asistentes terán a oportunidade de asistir a obradoiros formativos sobre Intelixencia Artificial (IA) aplicada á promoción cultural, aplicacións dixitais de promoción cultural e outro sobre creatividade e innovación.
Cada persoa poderase inscribir nun dos tres obradoiros previstos, formalizando a súa solicitude na ficha do Mobile culture: xornada interactiva sobre arte, cultura e novas tecnoloxías.
A pasarela en liña para reservar praza nos talleres pecharase ás 10.00 horas do venres 6 de outubro.
O cronograma do programa da xornada é o seguinte:
10.00: Benvida.
10.15: Clase maxistral Erasmus+.
10.30: Boas prácticas dos proxectos europeos.
11.00: Presentación do proxecto Cultura Móbil.
11.30: Pausa para café e networking.
12.00: Obradoiros de Cultura Móbil.
Segundo informou o Concello, o evento Mobile Culture formúlase como “unha oportunidade para interconectar a traballadoras e traballadores pertencentes ao tecido cultural local” e “reforza o abano de propostas formativas que está a impulsar o Goberno de Inés Rey en materia cultural e tecnolóxica, creando sinerxías de interese con perspectivas de futuro”.

PUBLICIDADE