Aberto o prazo de inscrición para TurisTalent 5.0
luns, 16 de xuño do 2025
O Concello de Lugo vén de publicar a convocatoria para seleccionar ata 15 proxectos innovadores nos sectores turístico e enogastronómico que participarán na aceleradora pública TurisTalent 5.0. Esta convocatoria está dirixida a emprendedores, equipos promotores e empresas de calquera forma xurídica (autónomos incluídos) de todo o territorio con dispoñibilidade para asistir ás sesións presenciais en Lugo que conten con propostas nos ámbitos turístico ou enogastronómico. Estará xestionada pola firma de novas tecnoloxías Dos Espacios.
Así, todos os interesados dispoñen de 20 días hábiles (do 16 de xuño ata o 11 de xullo) para presentar os seus proxectos a través da sede electrónica do Concello de Lugo, ou de forma presencial no Consistorio, aqueles que non estean obrigados a relacionarse electronicamente. Os interesados deben completar o anexo que figura nas bases na web de TurisTalent.
Os proxectos seleccionados para participar nesta aceleradora de turismo desfrutarán de diferentes beneficios: iniciativa 100 % pública e gratuíta, mentoring e formación especializada, asesoramento en financiamento e acceso a investidores, visibilidade institucional e mediática, redes de contacto co ecosistema turístico galego e nacional.
O programa conta con catro fases: Academia (xullo 2025), TurisTalent Day, Aceleración (setembro-decembro 2025) e Investors Day.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sinalou que “o obxectivo desta iniciativa é impulsar proxectos innovadores no ámbito turístico e enogastronómico, con potencial para atraer inversións e xerar impacto real no noso territorio. TurisTalent 5.0 vai permitir conectar a aqueles que emprenden con profesionais e expertos do sector, facilitando un acompañamento continuo que axude a converter as súas propostas en realidades empresariais viables. Estamos seguros de que esta iniciativa contribuirá a fortalecer a competitividade do sector turístico local, atraer visitantes e dinamizar a economía de Lugo”.
Ademais, subliñou que esta aceleradora “encaixa plenamente na nosa visión de Lugo como unha cidade que aposta polo talento, a innovación e un turismo sostibel e de calidade. Animamos a todas as persoas e pequenas empresas con ideas ou proxectos a que se presenten. Queremos xerar oportunidades reais de emprendemento aproveitando todo o que nos fai únicos, como a nosa gastronomía, o noso patrimonio e o noso entorno natural”.
