Aberto o prazo de inscrición para o IV Encontro CIBER.gal

martes, 15 de outubro do 2024 S. P.

Xa está aberto o prazo de inscrición da IV edición do Encontro Galego de Ciberseguridade. CIBER.gal, que terá lugar os días 6 e 7 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Consolidado xa como un evento de referencia para o sector, CIBER.gal reunirá a expertos, empresas nacionais e internacionais, entidades locais e á cidadanía, para abordar os retos e oportunidades da seguridade no entorno dixital.
As dúas xornadas poderán seguirse de xeito presencial ou en streaming previa inscrición na ligazón habilitada, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo.
Organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) coa colaboración do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a cuarta edición de CIBER.gal ofrecerá obradoiros, conferencias, paneis de debate, representacións teatrais e concursos de ciberseguridade organizados en tres bloques dirixidos ás administracións públicas, á cidadanía e ao tecido produtivo. Os interesados en asistir poden inscribirse nun ou máis bloques.
Unha das novidades que incorpora este ano CIBER.gal é a realización de demostracións de produtos, servizos ou solucións de ciberseguridade por parte dalgunhas das entidades que apoian o evento e que se realizarán de xeito paralelo ao programa principal.
Entre outros profesionais, o encontro contará coa participación do experto en ciberseguridade Chema Alonso, así como de representantes dos socios fundadores do Nodo. Entre eles está o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), que traerá á Cidade da Cultura a experiencia road show e un expositor de ciberseguridade adaptado a todos os públicos e que estarán abertos ata o día 8 de novembro. Ademais, David Amor achegarase en clave de humor á ciberseguridade cun monólogo.
Un ano máis CIBER.gal contará coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia coa posta en escena da obra Hixiénico, na que se exporán as consecuencias do ciberacoso. Tamén contará de novo coa colaboración dos coordinadores dos centros de FP de Galicia que realizarán catro talleres prácticos de ciberseguridade.
Ademais, celebrarase unha nova edición da competición Capture the Flag, patrocinada polo Centro Tecnolóxico Gradiant e habilitaranse os Espazos Técnicos de Exposición, nos que estudantes do ámbito da ciberseguridade e profesionais deste eido expoñen, de forma breve, proxectos, ideas, traballos e iniciativas en ciberseguridade. O programa completo do evento está dispoñible no portal de Ciberseguridadegalicia.gal.
Récord de inscritos en Ciberseguridade no cole!
Da man de CIBER.gal chega, tamén, unha nova edición do concurso escolar Ciberseguridade no cole!, que este ano rexistrou un novo récord de inscricións achegándose aos case 7.400 escolares de 4º e 5º de Primaria e 1º e 2º da ESO de centros educativos de Galicia.
Como en anteriores edicións, o concurso, patrocinado por Telefónica, contará cunha fase en liña que remata este 15 de outubro e na que se clasificarán os equipos que participarán na final, que terá lugar nun acto que se celebrará o 7 de novembro na Cidade da Cultura e que presentará Esther Estévez.
Apoios
A cuarta edición de CIBER.gal conta co apio dunha vintena de entidades patrocinadoras, entre as que destacan como patrocinadores VIP Gradiant e Telefónica e como patrocinadores estratéxicos Deloitte, Abanca, Proofpoint, SIA, Crowdstrike e Check Point.
Dende 2021
No marco das iniciativas do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, nace no ano 2021 o encontro galego de ciberseguridade, o Encontro CIBER.gal, a xuntanza de referencia en Galicia no eido da ciberseguridade.
Esta iniciativa é posíbel grazas á aposta da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que como entidade propulsora e fundadora do nodo, promove e organiza anualmente esta xuntanza que aglutina a toda a sociedade de Galicia.
Contribúen ao seu éxito o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, como entidade co-organizadora do Encontro, e os axentes vinculados ao ecosistema galego de ciberseguridade que participan nas actividades que se celebran. Tamén apoian a súa celebración entidades non pertencentes ao Nodo CIBER.gal que están plenamente concienciadas coa importancia da ciberseguridade nesta nova era dixital.
Dende o alumnado e os educadores dos centros educativos galegos, ás familias en xeral, ata os profesionais do tecido empresarial e as administracións públicas galegas teñen unha cita no Encontro CIBER.gal.