Aberto o prazo de participación para o VII Premio de Innovación Bibliotecaria da Xunta
martes, 28 de maio do 2024
O Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia celebra a súa sétima edición. Así o anunciaban dende a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que convoca este galardón co gallo de recoñecer os proxectos desenvolvidos polas bibliotecas municipais para o fomento da lectura e das competencias dixitais da cidadanía.
Dicir que este premio, ao que poden concorrer os concellos que sexan titulares de equipamentos integrados na Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta, ten como obxectivo “impulsar e visibilizar as propostas de carácter innovador e as boas prácticas levadas a cabo por estas entidades locais, valorando a súa orixinalidade”.
Dende o Diario Oficial de Galician anunciaban este martes 28 de maio os detalles desta convocatoria: establécense dúas categorías, dotadas cada unha delas cun premio de 3.000€, en función da poboación do concello onde se asente a biblioteca (unha para as entidades locais cunha poboación de até 10.000 habitantes e outra para municipios que superen esta cifra). Así, preténdese favorecer a participación de pequenas bibliotecas que, por contar con recursos máis limitados, puideran atopar dificultades para presentarse xunto con grandes centros.
Engadir que o prazo de presentación para optar ao premio remata o 28 de xuño e cada entidade local poderá concorrer cun máximo de dous proxectos ou boas prácticas postas en marcha por bibliotecas ou axencias de lectura da súa titularidade.
Por último, sinalar que as propostas terán que estar xa executadas e estar relacionadas co fomento da lectura, a aprendizaxe ao longo da vida e a adquisición de competencias dixitais, a cohesión social e a participación cidadá, a posta en funcionamento de novos servizos ou a redefinición dos existentes e a difusión do funcionamento da biblioteca.