Aberto o prazo de presentación de proxectos de investigación na 7ª edición de XoveTIC

venres, 5 de xullo do 2024 S. P.

Co inicio deste mes de xullo colle impulso a sétima edición Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña (CITIC), que se celebra os días 17 e 18 de outubro de 2024. Nestes momentos está xa aberto o prazo de recepción de abstracts e, a partir do próximo 26 de xullo, poderase comezar a formalizar a asistencia ao evento.
O congreso está destinado a persoal investigador júnior (predoutorais e posdoutorais) que presentarán comunicacións orais ou pósteres das súas investigacións no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC). O obxectivo é “construír un espazo de encontro para o debate científico e contribuír deste xeito á súa formación”, informou o CITIC.
Fontes do centro TIC da UDC engaden que o congreso, cuxa inscrición é gratuíta, “supón unha oportunidade ideal para que as persoas participantes compartan as súas investigacións nun ambiente colaborativo e distendido”. As contribucións ao congreso poderán ser orixinais ou traballos adaptados xa presentados noutros foros. Todos aqueles traballos que se acepten serán publicados nun libro de actas.
Máis información na páxina web do congreso, xovetic.citic.udc.es.

PUBLICIDADE