Aberto o prazo de votación para escoller os vídeos gañadores do público de Galetiktokers

mércores, 6 de novembro do 2024 S. P.

Até as 11.00 horas do venres, 8 de novembro, está aberto o prazo para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Ames, que pretende estimular a creatividade da rapazada animando á creación audiovisual en galego.
Nesta quinta edición presentáronse 39 vídeos, realizados por arredor de 80 mozos de Ames e doutras localidades de Galicia. Participou alumnado de centros de ensino de Bertamiráns, Lugo e Vilagarcía de Arousa, entre outras localidades. As bases ao completo do V Certame Galetiktokers poden consultarse en liña.
As 39 pezas audiovisuais presentadas por arredor de 80 mozos participantes de Ames e doutras localidades de Galicia, optan unha vez máis a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios de 300 euros. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 10 vídeos, mentres na segunda categoría (mozas e mozos de 18 a 35 anos) hai 29 vídeos admitidos. Nesta edición participou alumnado de centros de ensino de Bertamiráns, Lugo e Vilagarcía de Arousa, entre outras localidades.
Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais. Os outros dous serán escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames. Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.
O prazo para presentar vídeos rematou o 4 de novembro. Agora abre un prazo de dous días para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers. Todas as pezas admitidas xa están subidas ao Instagram de Xuventude Ames XA! co cancelo #galetiktokers.
Deste xeito, dous dos premios serán os escollidos polo público, que dispón de 48 horas para facerse seguidor do perfil de Instagram de Xuventude Ames XA! e votar polos seus vídeos favoritos. A votación do premio do público realizarase a través dos reels publicados no perfil @xuventudeames. As publicacións que acumulen maior número de gústame serán as que se fagan co galardón.
Premios do xurado
Ademais, nos vindeiros días reunirase o xurado, para valorar as pezas presentadas e determinar os premios do xurado (catro premios). O xurado está formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, que valorarán o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Nesta quinta edición o xurado está composto polos creadores de contido en redes: Nuria Grandío López, e Rodrigo Míguez Novoa. Tamén forma parte do xurado Noelia Francisco Lens, especialista en comunicación audiovisual.
Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará o sábado, 23 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O evento estará presentado e dirixido polos creadores de contido en galego, Nuria Grandío López e Rodrigo Míguez Novoa.