Aberto o prazo para participarmos na nova entrega dos Premios INNOVA-G que convoca AGESTIC

mércores, 3 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

As premiadas e os premiados da anterior edición destes galardóns TIC galegos

A convocatoria aos Premios INNOVA-G 2012, destinados a recoñecer e amosar ante o mundo a imparábel creatividade TIC galega, está aberta xa ata este luns 15 de outubro. Poden participar neste certame, que vén unha vez máis da man de AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC) e que conta coa axuda da Xunta, a Universidade de Vigo (Escola Superior e Enxeñaría Informática) e FEMXA, as empresas galegas que centran o seu labor nas novas tecnoloxías da información e en internet ou que desenvolven proxectos/produtos/servizos 2.0 ou contidos dixitais nas categorías que citamos a continuación. Por certo que entre as entidades recoñecidas na anterior edición, a través dunha Mención de Honra dupla, estaba EGANET e (precisamente) este medio dende o que escribimos: Código Cero.
Mellor start-up galega: empresa constituída a partir do 1 de xaneiro de 2010, altamente tecnolóxica e innovadora. Valorarase o grao de novidade do produto/servizo tecnolóxico, de Internet ou contidos dixitais desenvolvido ou prestado, o seu crecemento exponencial, a visión global, as posibilidades de expansión internacional, o ambiente de traballo, igualdade de xénero, promoción da sustentabilidade e os valores sociais.
Mellor emprendedor/a galego/a TIC: premio ao galego ou á galega líder que día a día, xunto ao seu equipo, saca adiante un proxecto empresarial tecnolóxico (non é requisito que a empresa estea radicada en Galicia.). Non hai límite de idade.
Mellor desenvolvemento 2.0: premio á PEME galega responsable do desenvolvemento 2.0 (redes sociais, comercio electrónico, e-learning, xogos sociais e calquera outro proxecto tecnolóxico que implique a participación directa do usuario final) que sexa considerado o mellor feito en Galicia no 2011 ou 2012.
Mellor aplicación para dispositivos móbiles: premio á PEME galega responsable do mellor software, da mellor aplicación para dispositivos móbiles, desenvolvido no 2011 ou 2012.
Mellor desenvolvemento deseño web: premio á PEME galega responsable do mellor deseño/desenvolvemento web do ano 2011 e 2012, valorarase a creatividade, usabilidade e accesibilidade do sitio.
Entregarase tamén unha Mención de Honra, outorgada polo xurado, a aquel evento de networking realizado en Galicia polo seu labor intensivo e frutífero de impulso da Sociedade da Información.
Estes premios, sen dotación económica e outorgados por un xurado formado polas entidades promotoras, constitúen un bo impulso para os seus participantes como se confirmou nas dúas edicións anteriores, con proxectos e aplicacións xa coñecidas por todos, como por exemplo, Menus.es, Pezcalo, Meubook, Toupa.net, Binaurality, Orama ou Webphone.
Premio a Código Cero na anterior edición
Na anterior edición, a de 2011, cómpre lembrar que o xurado dos Premios INNOVA-G resolveu concederlle unha Mención de Honra dos ditos galardóns ao Grupo Código Cero Comunicación, dende o que se dirixen as rendas da web e da revista do mesmo nome, dúas canles de información dende as que se tenta amosar en detalle o panorama tecnolóxico-dixital da nosa terra, facendo especial fincapé na potencialidade das nosas empresas e, tamén, nas vantaxes que achegan as redes para a mellora da calidade de vida da sociedade galega.
O galardón foi recollido en Compostela, no transcurso da achega de premios celebrada en Compostela, polo noso director Xosé María Fernández Pazos e polo subdirector Carlos Ballesteros.
Asemade, o xurado recoñeceu o importante traballo despregado pola asociación empresarial EGANET (que tamén foi distinguida cunha Mención de Honra) e polas empresas Galebook (gañadora do xurado na categoría mellor start-up), Twin Shoes (gañadora dos internautas na mesma categoría e máis dos internautas na de novas empresas 2.0), Frankie Gómez (gañador do xurado en mellor emprendedor/a 2.0), Cruz Vermella Española en Galicia (gañadora do xurado e dos internautas entre as mellores campañas das redes sociais), Menus.es (gañadora do xurado entre os mellores desenvolvementos 2.0), María Fechoría (gañadora da votación popular nos proxectos 2.0), APP Páxinas Galegas (gañadora do xurado e máis da votación dos internautas na categoría de mellor aplicación para trebellos), Un mundo accesible (gañadora do xurado nas categorías de deseño accesíbel e desenvolvemento centrado nos cidadáns), Terra Chá, onde nace Galicia (gañadora das votacións populares en accesibilidade) e Bildtec (gañadora na votación popular da categoría de mellor desenvolvemento para cidadáns).
O porqué dos galardóns
Como dixemos, os Premios INNOVA-G veñen da man da Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC. Celébranse para recoñecer o talento e a valía das nosas empresas tecnolóxicas e emprendedores, medrando cada ano o número e a calidade das mesmas.
Estes galardóns non só lles serven ás firmas que se presentan para dar a coñecer os seus produtos e servizos á sociedade, senón tamén, e sobre todo, para que se recoñeza a súa humilde contribución ao desenvolvemento da Sociedade da Información na nosa comunidade.
Ao mesmo tempo, trátase dunha gran oportunidade para descubrir empresas galegas cun potencial incrible, emprendedores tecnolóxicos cunhas calidades exemplares, servizos cunhas prestacións inmellorables ou aplicacións desenvolvidas por firmas do país que nos poden axudar en materias tan dispares como a educación, a saúde, o lecer ou a cultura...

PUBLICIDADE