Aberto o prazo para presentar webseries á quinta entrega do Carballo Interplay

xoves, 23 de novembro do 2017 Redacción

A quinta edición do certame de contidos dixitais e series online Carballo Interplay, que se celebra os días 4, 5, 6 e 7 de abril de 2018, xa ten aberta o prazo de inscrición para que todas aquelas persoas que o desexen presenten as súas achegas (webseries ou proxectos de webseries) á sección oficial do festival, que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Segundo informa o Concello poden facelo ata o 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com. As contribucións participantes deberán estar producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de tres capítulos emitidos no momento de inscrición. Ademais, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais.
Das webseries recibidas, un xurado composto por profesionais dos contidos dixitais e da cultura, premiará a mellor contribución, a mellor iniciativa internacional e a mellor proposta en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría.
A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión e un premio á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.
Ademais, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cunha presentación en directo (un pitching) durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da serie en liña premiada, que se proxectarán na sexta edición do festival.

PUBLICIDADE