Aberto o prazo para votar na Rede polas mellores achegas de Fotciencia

luns, 14 de novembro do 2011 Redacción

Fotciencia é un certame de fotografía científica convocado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e máis a Fundación Española para la Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), inserido nas actividades da Semana da Ciencia e cuxo obxectivo é achegar a ciencia e a tecnoloxía aos cidadáns mediante unha visión artística e estética suxerida a través de imaxes científicas e un comentario escrito do feito científico que ilustran.
As imaxes de Fotciencia son un recurso público para a divulgación da ciencia. A día de hoxe, o prazo para a achega de traballos xa rematou. Para quen queira ver as imaxes presentadas, dicirlle que xa as ten á vista en fotciencia.es, onde poderemos votar pola nosa favorita. Por certo que non só haberá premios para as gañadoras e gañadores, senón tamén para quen vote: sortearase un Apple iPad2 con Wi-Fi 16 Xb. O prazo para dar a nosa valoración sobre as fotos está aberto ata o 20 de novembro, é dicir, coincidindo coa Semana da Ciencia, que vai dende o 7 ata o 20. O fallo do concurso farase público a partir do 19 de decembro de 2011 na devandita web fotociencia.es