Aberto o rexistro de asistencia para o V Congreso XoveTIC

luns, 5 de setembro do 2022 S. P.

O CITIC e a Facultade de Informática da UDC informaron da apertura do rexistro de asistencia para a quinta edición do Congreso XoveTIC, unha cita de especial interese para reivindicar, visualizar e impulsar o novo talento galego en materia de novas tecnoloxías da información. O congreso, que se vai desenvolver entre o 5 e o 6 de outubro na sede do Centro de Investigación TIC no Campus de Elviña, terá o prazo de rexistro aberto até o 16 de setembro.
O evento, organizado novamente polo CITIC, celebrarase de novo en formato presencial tras dúas edicións online debido ás restricións motivadas pola pandemia. Trátase dun congreso destinado a investigadores/as júnior, ofrecéndolles un espazo de encontro para o debate científico, onde presenten os seus traballos no ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). En palabras do CITIC, trátase “dunha oportunidade ideal para que as persoas participantes compartan as súas investigacións nun ambiente colaborativo e distendido”.
Durante estas semanas, os/as autores/as están a enviar os traballos definitivos para a súa publicación no libro de actas do congreso; o prazo para a súa recepción expirará o 7 de setembro.
Os cinco traballos mellor valorados por parte do comité científico recibirán un premio de 300 euros cada un, financiados polas entidades patrocinadoras: ITG, CPEIG, Clúster TIC Galicia, Fundación CITIC e as cátedras institucionais da Facultade de Informática (Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business; Cátedra NTT Data en Diversidade e Tecnoloxía; e Cátedra R en Ciberseguridade).
O congreso celebrarase na Sala Cloud do CITIC, fóra da sesión de pósteres, que terá lugar na Facultade de Informática. A inscrición ao XoveTIC é totalmente gratuíta.

PUBLICIDADE