Abre a campaña do Bono Turístico con 426 establecementos adheridos a Bonoturismo.gal
martes, 10 de setembro do 2024
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitaron este 10 de setembro o hotel O Semáforo de Fisterra, un dos máis de 400 establecementos adheridos ao Bono Turístico da Xunta cuxa campaña comeza este martes 10, precisamente. Alí, Xosé Merelles animou aos usuarios dos bonos a comezar a empregalos desde hoxe e ata finais da ano “para gozar de estadías en Galicia fóra de temporada alta”.
Salientou tamén o interese do bono tamén nesta campaña, cuxas descargas -un total de 16.666- esgotáronse menos de quince días despois de que se abrise o prazo. “Este ano”, sinalou, “cada usuario puido descargar ata dous bonos, polo que o investimento que ofrecemos nesta edición está entre os 150 euros e os 300 euros para gozar dunha estadía este outono en Galicia”.
Xosé Merelles recordou que se trata dunha iniciativa que “vai asentándose despois de catro anos de éxito”, nos que conseguiu inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego post-COVID e contribuír a impulsar a actividade fóra de temporada alta.
“Nestes catro anos puxemos en circulación máis de 47.000 bonos e mobilizamos máis de 14M€”, indicou. Neste sentido, confiou en que a campaña deste ano que comeza este día 10 “continúe a senda de edicións anteriores e nos permita seguir avanzando como destino desestacionalizado”.
O director de Turismo de Galicia agradeceu tamén ao sector con empresas como o Hotel Semáforo de Fisterra por sumarse a esta iniciativa “e seguir facendo deste destino un lugar diversificado”. De feito, salientou que ata o de agora hai inscritos 426 establecementos turísticos e recordou que as empresas poden seguir anotándose ata o 2 de decembro na súa páxina web.