Abre a sexta edición do congreso de mercadotecnia Flúor
xoves, 30 de maio do 2024
O congreso de mercadotecnia innovadora Flúor arrincou este xoves 30 de maio, en Pontevedra, a súa sexta edición. Ao longo de dúas xornadas a sede de Afundación na cidade do Lérez congregará a algunhas das voces máis relevantes do sector da publicidade e a creatividade. Ademais, será o punto de encontro da industria galega, con conferencias, obradoiros ou espazos de networking.
A Agrupación Industrial de Comunicación de Galicia, que agrupa a 233 empresas e axencias, organiza este evento co obxectivo de “situar a Pontevedra como un enclave referente á hora de falar das últimas tendencias na industria e reivindicar a importancia do sector da comunicación, o marketing e a publicidade en Galicia”.
O evento está patrocinado polo Concello de Pontevedra. Conta co apoio da Xunta, Abanca, Recados Carmen e Raiola Networks e a colaboración de Deputación de Pontevedra, Avante Medios, Ofiprecios, Sutag e Mardy Bum.
Na inauguración participou (entre outras personalidades) Luís Bassat, unha das voces referentes no mundo da publicidade, fundador de Bassat Ogilvy, recoñecido con máis de 400 premios. Bassat achegou a primeira hora deste xoves un relatorio no que trasladou ao público as súas reflexións e experiencia sobre a creatividade.
Tamén interviñeron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e máis o conselleiro de Emprego, José González, que definiu a cita como “unha plataforma continua de emprendemento, de intercambio de ideas e de construción de redes para reciclarse e innovar no mercado do mercadotecnia e da comunicación”. Sinalou tamén que Galicia ten “todas as condicións para seguir atraendo talento e emprendemento e loita por fortalecer o territorio pola vía da innovación e a dixitalización”.
Polo congreso tamén pasarán o fundador e director executivo (CEO) de Vazva e WE Sustainability, para falar de marcas con propósito e activistas; Toni Segarra, publicista e creativo cuxos slogans transcenderon á cultura popular (Benvido á república independente da miña casa ou Gústache conducir); ou Andy Stalman, destacado conferenciante e un dos referentes mundiais en branding, que falará do impacto da Intelixencia Artificial no sector.
Ademais, estarán presentes máis de 15 relatores de empresas punteiras como FNAC, Jägermeister, Hoteles NH Collection, Finetwork, Pilgrim e Adidas. Nas intervencións falarase das novas oportunidades para negocios dixitais, estratexia de marca ou deseño desde un punto de vista vangardista, reflexionando sobre as últimas tendencias e o futuro do sector.