Abre as súas portas Galiciencia coa previsión de xuntar máis de 3.500 participantes
mércores, 14 de maio do 2025
A feira científico-tecnolóxica Galiciencia arrincou esta mañá Parque Tecnolóxico de Galicia, a Tecnópole, co lema Neurociencia e saúde mental, e prolongarase ata o venres, coa previsión de xuntar, nas diferentes actividades programadas, máis de 3.500 participantes. Solucións á falta de atención do alumnado na aula, un taboleiro didáctico para persoas con parálise cerebral ou un sistema de carga de baterías con hidróxeno son algúns dos enxeños presentados pola mocidade científica.
Nesta edición, na que Galiciencia celebra o seu 20 aniversario, participan 115 proxectos. De Secundaria, FP e Bacharelato son 50 presenciais e 22 online; e de Primaria 30 presenciais e 13 en liña. A organización (a Tecnópole) explicou que hai propostas moi variadas e dos eidos máis diversos, “aínda que boa parte dos proxectos se centran na neurociencia e a saúde mental”. Así, a robótica sérvelle a un grupo como ferramenta para mellorar as emocións dos usuarios, outro amosa como os trucos de maxia enganan o noso cerebro, ou como as mulleres científicas tiveron que saltar obstáculos para preservar a súa saúde mental, tamén se procuran solucións ante a falta de atención do alumnado na aula, afóndase na influencia da meteoroloxía no estado de ánimo das persoas, estúdase a saúde mental nos deportistas de alto rendemento e mesmo o estrés nas formigas, entre outras ideas sorprendentes.
As novas tecnoloxías son sempre protagonistas en Galiciencia. Un equipo propón unha solución intelixente para mellorar a seguridade no transporte público, dous rapaces presentan un taboleiro didáctico para axudar ás persoas con parálise cerebral, outros apostan por un sistema para detectar o TDAH nas aulas… Tamén son moitos os que botan man da Intelixencia Artificial con propósitos tan diferentes como dar a coñecer a riqueza biolóxica de Galicia ou axudar a identificar o contedor de lixo axeitado para desbotar un obxecto determinado; un equipo mesmo deseñou e adestrou unha Intelixencia Artificial propia para comparala coa humana.
Destacan propostas de impacto social como o desenvolvemento de xogos para persoas con enfermidades neurodexenerativas ou para o tratamento do déficit de atención, tamén se amosa a necesidade de visibilizar a realidade de persoas que padecen dislexia, uns rapaces crearon un dispositivo para evitar os tics da síndrome de Tourette, un equipo busca alimentos naturais con propiedades antibacterianas, outro aposta polo desenvolvemento de lambonadas con fins terapéuticos… e ata hai un semáforo pensado para reducir o nivel de ruído nas aulas.
En relación co medio ambiente e a sostibilidade, expóñense iniciativas como un invernadoiro que recolle a auga do orballo e a choiva para loitar contra a seca, un sistema de prevención de inundacións; o deseño de produtos como sandalias, alfombras para a ducha, fundas para o móbil… elaborados con plásticos biodegradables; un sistema de carga de baterías con hidróxeno, a xeración de electricidade sostible con auga da choiva…
Ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos “de xeito práctico e divertido”, explicou a organización, engadindo que o alumnado de Primaria e Educación Especial está a participar en dous obradoiros diferentes: por unha banda na experiencia Ver para crer, onde a rapazada estase a mergullar no mundo das ilusións ópticas para descubrir que non sempre podemos crer o que nos din os nosos ollos; e pola outra no obradoiro Neuropróteses: do cerebro á máquina, que se pon o foco no importante papel dos exoesqueletos, cos que se consegue que os órganos executen as ordes que envía o cerebro.
Na xornada de mañá xoves, entre as 11 e as 12 horas, vaise celebrar un novo espectáculo de ciencia para alumnado de Secundaria, FP e Bacharelato. Poderá seguirse a través da canle de YouTube de Tecnópole. Ademais, terá lugar a final do desafío científico Atrévete coa mente!, no que durante os últimos meses participaron equipos desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online.
