Abre as súas portas en Santiago a International Quantum Business Conference

mércores, 9 de outubro do 2024 S. P.

No serán deste mércores 9 de outubro inaugurouse a cita sobre cuántica International Quantum Business Conference, un encontro impulsado pola Xunta e organizado por Fujitsu e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que reúne na capital galega a máis de 300 investigadores, representantes da industria e doutras entidades públicas e privadas do ámbito internacional. A apertura da conferencia contou coa presenza do conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, que enxalzou a “excelencia dos proxectos que se están a executar en Galicia neste ámbito”.
Román Rodríguez recalcou “o grande esforzo que ten feito Galicia nos últimos anos para fortalecer o seu tecido produtivo, atraer talento e impulsar o desenvolvemento destas tecnoloxías”, sobre todo a través do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, a iniciativa na que se encadran actuacións específicas como a Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas ou a adquisición do computador cuántico Qmio instalado no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
O conselleiro tamén convicou aos participantes no congreso a cooperar e fortalecer as colaboración con outras rexións e países para seguir avanzando no desenvolvemento destas tecnoloxías, nun momento decisivo para situar a Galicia e á súa industria nunha posición de liderado nesta materia.
Precisamente, este congreso coincide co anuncio da construción dunha nova sede para o CESGA, que estará no Polígono da Sionlla en Santiago e que contará cun orzamento de 56 millóns de euros.
Programa da conferencia
O congreso continúa este xoves na Cidade da Cultura con presentacións da man de expertos internacionais da materia e varias mesas redondas con investigadores, administracións públicas e empresas, nas que se discutirá sobre o estado destas tecnoloxías e as súas aplicacións na industria. En concreto, as conferencias abordarán temas como os retos actuais das tecnoloxías cuánticas ou como salvar a fenda entre a investigación nestas tecnoloxías e a súa aplicación na industria. Pola súa banda, as mesas redondas versarán sobre iniciativas públicas para fortalecer este ecosistema en España e Europa, fomento do emprendemento ou as oportunidades de financiamento en tecnoloxías cuánticas. Por último, celebraranse sesións paralelas centradas respectivamente no estado da ciencia e nos retos e casos de éxito da súa aplicación na industria.
A conferencia está previsto que reúna en Santiago de Compostela durante estes dous días a máis de 300 investigadores, representantes da industria e doutras entidades públicas e privadas. Entre os participantes destacan actores relevantes que traballan no ecosistema cuántico internacional como o King’s College de Londres, Moody’s, Repsol, o Fujitsu Quantum Lab e o Silicon Valley Forum, entre outros.