Abre as súas portas en Vigo a gran feira estatal das tecnoloxías 4.0: as xornadas JAI

martes, 13 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente xa temos abertas as portas das Xorrnadas de Automatización Industrial (as JAI, polas súas siglas en inglés), con toda probabilidade o evento galego e estatal que máis ten feito por preparar o terreo do que hoxe en día se coñece como Industria 4.0, e tamén un dos máis referenciais á hora de tender pontes entre as empresas do sector (o elemento contratador) e o alumnado (o futuro equipo profesional desas empresas). A sétima edición das JAI, que se celebran até o 16 de marzo na Escola de Enxeñaría Industrial, foi inaugurada esta segunda feira (luns) polo profesor José Ignacio Armesto, polo conselleiro de Economía Francisco Conde e máis polo reitor, Salustiano Mato, quen recentemente expresaba a súa arela de ver como as xornadas “daban o chimpo para converterse na principal feira tecnolóxica deste sector no noroeste español”. Con toda probabilidade esta edición 2018 é a edición do devandito chimpo. Os 700 profesionais, o medio milleiro de estudantes e a vintena de robots que participan xa nas JAI son a mellor proba diso.
Falarase un pouco de todo, pero sobre todo de novas tecnoloxías para producir mellor, de maneira máis sustentábel, eficiente, harmónica e automatizada. Temas como por exemplo a robótica e as súas variantes, a mobilidade, a cooperación na innovación ou a virtualidade dos proceso industriais. A cita celébrase na entrada e nos corredores da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. En total, o evento dá acubillo a 35 postos nos que empresas, centros tecnolóxicos e institucións amosan os seus retos actuais e vindeiros perante o alumnado do campus, que, segundo informaron os organizadores das xornadas, pode participar no programa de relatorios impartidos por responsábeis de sectores e empresas como o grupo PSA, Repsol, Navantia o HP, que dependen da automatización nos seus procesos produtivos.
Como dixemos, as JAI 2018 contan coa presenza dunha vintena de robots. No eido da robótica cooperativa e de servizos encádranse Nao, mascota oficial das xornadas, desenvolvido por Macco Robotics; o robot doméstico limpacristais HoBot de Smarttek; Pepper, que chega da man de ABanca ou SanBto, o robot humanoide seleccionado pola firma Pabloski como asistente de ventas para as súas tendas. Pola súa banda, a robótica colaborativa conta con media ducia de representantes, que grazas á inclusión de sentidos análogos ao tacto e á vista dos seres humanos, cooperan coas persoas nos seus postos de traballo. IIwa da firma Kuka, o cobot UR10 de Universal Robots, CR de Fanuc Robotics e o robot bibrazo YuMi de ABB, encádranse neste ámbito. No caso das solucións robotizadas móbiles ou intraloxística, expóñense algúns dos robots móbiles da firma ASTI Robotics, MiR e Adept, así como drons desenvolvidos en Galicia, como o vehículo non tripulado mariño máis grande de Europa, froito da colaboración entre a Universidade e Industrias Ferri, ou o vehículo autónomo prototipo, deseñado polo centro tecnolóxico CTAG en colaboración co grupo PSA. Así mesmo, as xornadas inclúen dous stands dedicados á realidade virtual e aumentada desenvolvida por Siemens e Navantia.
Multinacionais con presenza no mercado estatal
A gran maioría de empresas que participan nesta sétima edición das JAI (dúas ducias de firmas que apoian o evento de xeito directo e ás que se suman outras como entidades colaboradoras) son multinacionais con presenza en España, algunhas delas presentes nas JAI dende a primeira edición, como Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como Universal Robots ou MiR. “A maioría son compañías moi asentadas no tecido industrial” que abandeiran o terreo da automatización e “adoitan estar presentes en feiras tan prestixiosas como a Automática en Münich ou SPS IPC Drives de Nüremberg”, explicou recentemente Armesto, quen fixo fincapé en que, “aínda que sexa de xeito moi modesto, as JAI están a pór a Galicia no mapa de encontros profesionais deste sector e permiten que, tanto os profesionais de aquí como o alumnado, poida coñecer de preto as principais novidades sen necesidade de desprazarse a Madrid ou Barcelona, no mellor dos casos”. Armesto tamén lembrou que no programa de relatorios están presentes compañías doutros sectores que dependen da automatización no seu proceso produtivo. Entre elas, PSA Peugeot Citroën, que presentará as innovacións relacionadas coa industria 4.0 que aplican na factoría viguesa; Repsol, que amosará as novas técnicas do proceso químico que empregan, por exemplo, na refinaría da Coruña; e Navantia, que dará a coñecer o seu proxecto Estaleiro 4.0, no que utilizan técnicas de realidade virtual no deseño dos seus produtos.

PUBLICIDADE