Abre o museo dixital do programa de novos talentos Xuventude Crea

martes, 16 de agosto do 2022 S. P.

Este mes de agosto abriu as súas portas (virtuais) o museo dixital do programa Xuventude Crea. O seu obxectivo será difundir e achegar visibilidade ao talento da mocidade galega. Está xa dispoñíbel en www.museoxuventudecrea.gal e a través desta web del pódese acceder ás obras premiadas nas distintas categorías deste certame de creación xuvenil impulsado pola Xunta, que recoñece a creatividade, a orixinalidade e o enxeño dos mozos galegos nun amplo abano de disciplinas.
En concreto, o novo espazo difunde os traballos premiados ao longo do programa en todas as súas especialidades, 14 actualmente: arte urbana, artes plásticas, banda deseñada, cociña, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e vídeo-creación.
A plataforma deste museo permite explorar as obras premiadas no certame desde 2018 por especialidade e por ano de participación. Amais, pódense facer procuras, no apartado de Explora por autor.
En Xuventude Crea, que pechou a comezos deste agosto a convocatoria da súa XIII edición, levan participado máis de 4000 mozos e mozas con preto de 3000 proxectos artísticos. Os gañadores en cada categoría reciben un primeiro premio de 3000€, un segundo de 1500€ e un terceiro de 1000€. Ademais, poden optar a diversas mencións de honra.

PUBLICIDADE