Abre o prazo de inscrición dos primeiros cen exames en liña das probas CELGA nivel 4

venres, 17 de outubro do 2025 S. P.

A Xunta, a través da Secretaría Xeral da Lingua, abriu este venres 17 de outubro o prazo de inscrición nos primeiros cen exames en liña das probas CELGA do nivel 4 que acreditan o dominio do galego. As persoas interesadas poderán anotarse ata o vindeiro 30 de outubro.
A Secretaría sinala que grazas a esta iniciativa “Galicia será pioneira ao converterse na primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática, co obxecto de que calquera persoa poida avaliar as súas competencias en lingua galega e obter unha titulación oficial sen limitación física ou xeográfica”.
A inscrición debe ser por sede electrónica e tamén se exixe presentar a solicitude través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua. As probas celebraranse neste cuarto trimestre de ano e fixarase unha data que non coincida cos exames presenciais deste nivel de CELGA.
Para realizar os exames, as persoas solicitantes deberán dispoñer dun ordenador con conexión a internet e unha cámara web, á que accederá o sistema durante o tempo que dure a proba en liña co obxecto de verificar que a persoa realiza o exame de xeito autónomo e sen axudas externas.
De igual modo, deberá contar cun micrófono para a gravación de voz en formato electrónico (MP3 ou equivalente), ao igual que altofalantes para a escoita do son. Ademais, é necesario facer a proba cun teléfono móbil, xa que permitirá que o sistema controle o posto no que a persoa realiza o exame en liña desde un segundo punto de vista diferente ao obtido pola propia cámara web do ordenador.
Sorteo de prazas se hai máis de cen solicitudes
A Secretaría Xeral sinala que no caso de que se recibisen máis solicitudes que as cen prazas dispoñibles para esta convocatoria en liña, a asignación final realizarase a través dun sorteo aleatorio, que consistirá na obtención sucesiva de números ao azar. A partir da relación de persoas inscritas, obterase a listaxe da seleccionadas e mais as de agarda. Polo tanto, cómpre aclarar que, de darse esta situación, será indiferente a orde de entrada de inscrición por sede electrónica.
O sorteo realizarase nun acto público, o día 5 de novembro, ás 11,00 horas, na sede da Secretaría Xeral de Lingua que logo publicará na súa páxina web a resolución coa listaxe de persoas seleccionadas e as de agarda. Así mesmo, todos os solicitantes recibirán na súa conta de correo electrónico un aviso co resultado ao respecto.