Abre o prazo para presentar propostas de dinamización cultural e tecnolóxica a Ler Conta Moito

venres, 19 de decembro do 2025 S. P.

A Consellería de Cultura abriu o prazo para que aquelas persoas físicas ou xurídicas dedicadas á dinamización cultural se inscriban no catálogo Ler Conta Moito 2026 que servirá para programar actividades nas bibliotecas públicas. O Diario Oficial de Galicia publicou os requisitos que deben cumprir para incorporar as súas propostas a este programa de maneira que poidan ser seleccionadas por estes equipamentos na súa oferta cultural.
Trátase dunha convocatoria coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa a fomentar accións de animación á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vencelladas aos intereses dos distintos colectivos, e que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.
Así, con este programa preténdese “fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; valorar o libro e fomentar a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión, e consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas de calidade”.
Deste xeito, as actividades estarán dirixidas a “potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar o acceso igualitario á cultura promovendo a lectura, a escritura ou a creación artística; así como o pensamento crítico, a innovación e a creatividade”.
Ademais, as accións deben ir encamiñadas á construción social participativa, igualitaria e inclusiva.
As categorías dos proxectos estarán relacionadas con obradoiros, tales como os dirixidos á escritura, ilustración ou tecnoloxía, entre outras modalidades; coa narración oral, incluíndo contacontos, lecturas en voz alta ou recitais; coa divulgación do coñecemento, a nivel científico, social ou cultural; co audiovisual, abranguendo proxeccións, audicións ou ciclos de cine e música; coa creación de contidos dixitais; coas artes escénicas, como a música, o teatro ou a danza; con exposicións de moi diversas temáticas, ou con rutas e itinerarios guiados por escenarios literarios ou espazos de interese cultural.
As persoas interesadas poden inscribirse ata o 26 de xaneiro de 2026 accedendo á plataforma do programa Ler conta moito no portal da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e cubrindo o formulario de alta de actividades do catálogo.