Abren a votación para seleccionar aos gañadores dos concursos de debuxos e microrrelatos da EDG2030

venres, 14 de febreiro do 2020 Redacción

A AMTEGA vén de publicar no seu Facebook as obras seleccionadas como finalistas dos concursos de debuxo Captura a sociedade dixital! e microrrelatos Viaxe ao 2030. Estes certames, que teñen como obxectivo coñecer cal é a visión dos máis novos sobre o impacto da dixitalización na sociedade galega no 2030, están dirixidos a estudantes de Primaria e ESO ou Bacharelato respectivamente e enmárcanse no proceso elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG2030).

Máis de 300 estudantes de toda Galicia

Un total de 213 alumnos e alumnas de Educación Primaria participaron no Concurso de debuxo Captura a sociedade dixital! combinando o seu talento creativo para o debuxo coa súa visión do futuro para plasmar nun debuxo distintas facetas do uso das TIC, novos hábitos e necesidades que xorden pola transformación dixital, as oportunidades derivadas da aplicación das novas tendencias dixitais, etc.
E, pola súa banda 120 alumnos e alumnas de ESO ou Bacharelato puxeron a proba o seu enxeño e capacidade imaxinativa para describir como imaxinan que a transformación dixital afectará a nosa Comunidade nos próximos 10 anos.
Os participantes proceden de 42 centros educativos das catro provincias galegas e contouse coa implicación de máis de 50 docentes que desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, entregando 333 traballos (213 debuxos e 120 microrrelatos).
As obras recibidas foron valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Tecnoloxías Dixitais, formado por 2 representantes da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), 1 representante de la Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de Secundaria e 1 profesor de Primaria, que preseleccionaron os cinco debuxos e os cinco microrrelatos finalistas.

Selección dos gañadores

As cinco obras finalistas e cada certame están xa dispoñibles no Facebook da AMTEGA para que calquera internauta que o desexe poida votar ata o vindeiro 21 de febreiro aqueles debuxos e microrrelatos que consideren que mellor representan a Galicia do 2030 a través das tecnoloxías dixitais.
Premiarase cunha tablet a cada un dos alumnos responsables dos 3 mellores debuxos (1º, 2º e 3º premio) e os 3 mellores microrrelatos (1º, 2º e 3º premio), que se corresponderán coas obras máis votadas mediante o sistema gústame do Facebook da AMTEGA de entre os finalistas seleccionados.

PUBLICIDADE