Abren as reservas para mercar o tablet Adam de Notion Ink

venres, 10 de decembro do 2010 Marcus Fernández

O tablet Adam de Notion Ink parecía que ía ser o principal rival do iPad o pasado verán, pero os múltiples atrasos no seu lanzamento chegaron incluso a dar a entender que poderiamos estar ante un caso de vaporware, o que finalmente vén de descartarse, por abrirse o prazo de reserva deste interesante dispositivo que anuncia os seus distintos modelos e prezos e, aínda que están a ter bastantes problemas para materializar a plataforma de venda en liña a nivel mundial, poderían comezar a remitilos aos seus compradores o 6 de xaneiro (aínda que é probable que os pedidos non se normalicen ata un mes despois), todo un agasallo de Reis para os que desexen un tablet con Android e cunha pantalla con tecnoloxía Pixel Qi (que conta cun modo de funcionamento semellante á tinta electrónica).
Segundo publican dende Notion Ink, o Adam terá unha pantalla de 10,1 polgadas, procesador nVIDIA Tegra 250 de dobre núcleo, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, 2 portos USB 2.0, miniUSB, lector de tarxetas microSD, saída HDMI, cámara xiratoria de 3,2 Mpíxeles e prezos que parten dos 375,33 dólares (aínda que estas cantidades serían orientativas, pois ao fabricarse na India a moeda de referencia do produto non serán nin o dólar nin o euro.
Os modelos máis básicos do Adam terían pantallas LCD normais e custarían os mencionados 375,33 dólares na versión Wi-Fi e 425,33 dólares na versión 3G, encarecéndose ata 499,45 e 549,99 dólares respectivamente no caso de contar con pantalla de Pixel Qi, o que continuarían a ser uns prezos bastante axustados para un dispositivos cunhas prestacións que prometen ser bastante elevadas.
O trebello aínda que polo momento funciona con Android 2.3, pretende actualizarse a Android 3.0, e contará con soporte de OpenGL ES, SIP/VoIP, teclado multi-táctil, mellores funcións de copiar e pegar… e incluso con funcionalidades como a de poder operar como tableta dixitalizadora dun PC.

PUBLICIDADE