Ábrense as reservas de Uncharted 4

luns, 1 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Os coleccionistas poden optar por unha edición do xogo que inclúe unha figura de Nathan Drake de 30 centímetros de altura

A edición para coleccionistas de Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón para PlayStation leva xa bastantes meses anunciada, e dado que o xogo padeceu varios adiamentos, non é até agora cando está dispoñible para a súa reserva, de xeito que os interesados en facerse con este título que chegará ás tendas o 27 de abril poden xa solicitalo nas súas distintas edicións nos establecementos da súa confianza.
Por unha banda temos que Uncharted 4 terá unha edición especial co xogo nunha caixa metálica coleccionable, un libro de ilustracións de 48 páxinas en tapa dura, un lote de adhesivos de Naughty Dog e contidos adicionais para o modo multi-xogador deste títulos; mentres que a edición para coleccionista Libertalia incluirá, aparte dos mencionados contidos, unha figura premium de 30 centímetros de Nathan Drake.
Pero non só a edición física do xogo está xa dispoñible en reserva, senón que a PlayStation Store tamén inclúe dúas edicións distintas do mesmo en dixital: unha edición ordinaria á venda por 59,99 euros que inclúe contidos adicionais para o multi-xogador, e unha edición de luxo á venda por 74,99 euros que engade á anterior unha historia adicional para un xogador , 2 lotes de obxectos raros e lendarios para o multi-xogador xunto con algún elemento máis.

A edición especial de Uncharted 4 inclúe numerosos contidos adicionais

PUBLICIDADE