Ábrese a consulta a lei que regulará as caixas de botín nos videoxogos

venres, 1 de xullo do 2022 Marcus Fernández

O Ministerio de Consumo vén de abrir a audiencia e información pública o anteproxecto de lei polo que se regularán os mecanismos aleatorios de recompensa asociados a produtos de software interactivo de lecer, ou sexa, que até o 23 de xullo abre a achegas o futuro regulamento das caixas de botín nos videoxogos.
Entre as medidas recollidas no anteproxecto de lei figura a prohibición do acceso a caixas de botín a menores de idade (polo que haberá que establecer mecanismos de verificación de idade de xeito documental, ou sexa, que haberá que presentar o DNI), mentres que para os maiores de idade haberá que establecer mecanismos de autoexclusión (na liña do que acontece coas casas de apostas) e límites de gasto. Tamén se limita a publicidade que pode realizarse, na liña das casas de apostas pola Internet, de xeito que non se pode incitar a prácticas compulsivas ou suxerir que a repetición do xogo pode aumentar as posibilidades de obter un obxecto virtual mellor, estando prohibida a publicidade a través de medios presenciais.
Os consumidores tamén deberán recibir información clara sobre a posibilidade de obter distintos obxectos virtuais, coñecer o importe (en euros) para cada caixa de botín, recibir información sobre a práctica responsable da actividade e incluso contar con mecanismos de control paterno para poder bloquear o acceso a menores.
Queda por ver se, tras a aprobación e a entrada en vigor desta lei as compañías de videoxogos adoptan as medidas indicadas polo Goberno ou, pola contra, optan simplemente por non comercializar en España os títulos que basean o seu modelo de negocio nas caixas de botín (na liña do que aconteceu con Diablo Immortal, que non está dispoñible en Bélxica e Países Baixos).

PUBLICIDADE