Ábrese a consulta pública a futura lei de IA de Galicia

venres, 15 de setembro do 2023 Redacción

A Xunta abre hoxe a consulta pública previa da futura Lei de planificación, organización e impulso da intelixencia artificial (IA) en Galicia para recoller as suxestións e achegas que a cidadanía e entidades públicas e privadas poderán realizar até o vindeiro 15 de outubro a través do Portal de Transparencia da Administración autonómica. A futura lei buscar crear unha regulación única, sistemática e coherente, que permita un uso eficaz, eficiente, ético e seguro da intelixencia artificial na Administración Xeral e do sector público autonómico (SPAG), aliñada co marco europeo, que establecerá a Lei de Intelixencia Artificial.
A futura lei busca recoñecer á cidadanía, con carácter vinculante, unha serie de dereitos, en relación cos sistemas de IA empregados polo Administración pública autonómica galega; fomentar a colaboración público-privada e potenciar as oportunidades existentes a nivel autonómico, estatal e internacional no eido a IA, especialmente coa futura Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), así como aumentar a capacidade para atraer e reter talento e persoal cualificado a Galicia.

Nodo galicIA

O texto do anteproxecto de lei foi presentado esta semana á Comisión de Seguimento do nodo galicIA, que se encarga de velar polo cumprimento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), e foi o encargado de preparar a candidatura de Galicia para acoller a sede da AESIA.

Unha IA humanista

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, participou, está mañá, na mesa redonda Desafíos e oportunidades na transformación dixital de Galicia, que formou parte dos actos de celebración do 50º Aniversario da implantación da tecnolóxica Seresco en Galicia, onde salientou que o traballo desenvolvido pola Xunta no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) está no camiño de acadar o obxectivo de especializar á nosa comunidade no desenvolvemento dunha intelixencia artificial confiable e humanista na vangarda europea.
No debate, tamén participaron a vicepresidenta do Circulo de Empresarios de Galicia, María Borrás; o director xeral de Gradiant, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Luis Pérez Freire; e o catedrático da Universidade de Vigo e director de atlanTTic, Martín Llamas. A mesa foi moderada pola xornalista Gladys Vázquez.
O director da AMTEGA tamén destacou o obxectivo transversal da EGD2030 de avanzar cara á especialización tecnolóxica de Galicia a través da creación, atracción e retención de talento dixital e o traballo conxunto co sistema universitario, os centros de investigación e o sector TIC. Cerviño enmarcou neste obxectivo a próxima instalación na Coruña da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).

PUBLICIDADE