Ábrese a convocatoria dun novo fondo de axudas para o desenvolvemento de videoxogos

xoves, 19 de maio do 2022 Redacción

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das novas axudas para a promoción de videoxogos, que a Xunta dota cun fondo de 500.000 euros a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural. Este investimento reverterá na realización dun mínimo de oito novos proxectos de videoxogos, que deberán ser desenvolvidos ata o 1 de xullo de 2023 por profesionais ou pemes con sede en Galicia.
Con esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, o Hub Audiovisual galego materializa outra das medidas especificamente deseñadas para a industria galega dos videoxogos, que recibirá unha inxección de preto dun millón de euros para favorecer a súa vertebración e competitividade. Esta é tamén a finalidade que persegue o Goberno galego coa posta en marcha do polo de aceleración empresarial xunto á Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos Videoxogo.gal, para o que conta cun orzamento de 360.000 euros, e dun estudo para a obtención dun mapa do sector na nosa Comunidade, que posibilite a identificación das principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego.
Precisamente hoxe ten lugar no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia unha sesión informativa sobre o novo Polo de aceleración do sector, que será impartida polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a presidenta de Videoxogo.gal, Luz Castro. Unha vintena de profesionais ten confirmada a súa asistencia ao encontro, no que se abordarán os requisitos e trámites para a candidatura de proxectos emprendedores a este programa de consultaría, titorización e proxección exterior para novos profesionais e empresas que estean a comezar a súa traxectoria nesta industria.
En canto á convocatoria publicada hoxe, cuxo prazo de solicitude estará aberto ata o 20 de xuño, os destinatarios son profesionais autónomos e pemes do sector para levar a cabo novas producións de videoxogos en todo o seu proceso de creación, deseño e programación, así como de comercialización, distribución e difusión, na fase de prototipo, sempre que sexan inéditas e non estean vinculadas á promoción ou publicidade dunha marca empresarial.
Establécense, así mesmo, dúas categorías de propostas en función do seu orzamento: modalidade A para proxectos de máis de 200.000 euros e modalidade B para os que se sitúen entre os 40.000 e os 200.000 euros. No primeiro dos casos, poderá financiarse ata o 25% do gasto subvencionable, cun límite de 100.000 euros por axuda, mentres que no segundo esta porcentaxe medra ata o 75% e a contía máxima se sitúa nos 50.000 euros. As subvencións adxudicadas deberán destinarse a custes de persoal ou servizos profesionais, de ferramentas de hardware e software ou a gastos derivados da presentación dos videoxogos en eventos, feiras e encontros profesionais

Xeración de emprego e profesionalización

Entre as finalidades específicas destas novas axudas está a xeración de emprego e o fomento da profesionalización e vertebración deste ámbito, así como dunha maior presenza das mulleres como parte del. Búscase tamén favorecer a participación do sector privado e o mecenado cultural, desde o convencemento de que o seu maior desenvolvemento suporá unha gran oportunidade para o conxunto da industria cultural galega e para a súa proxección exterior.
De acordo con estas prioridades, os proxectos beneficiarios seleccionaranse aplicando un baremo de criterios técnicos, así como outros automáticos relacionados co interese cultural, a capacidade de emprego con especial atención á contratación feminina, a porcentaxe da axuda solicitada respecto do orzamento total e o público ao que se dirixe.
Este fondo de axudas para o desenvolvemento de videoxogos, o polo de aceleración e o mapeo do sector conforman o núcleo do apoio ao sector no marco Hub Audiovisual da Xunta, un programa extraordinario a través do que as industrias culturais galegas recibirán 9,6 millóns de euros ata o vindeiro ano 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

PUBLICIDADE