Ábrese a listaxe de agarda para mercar unha Steam Machine

luns, 22 de xuño do 2026 Marcus Fernández

Tras unha primeira incursión no mundo do hardware hai 11 anos, Valve recupera a súa proposta de Steam Machine, como un ordenador compacto orientado aos videoxogos, presentado o ano pasado, pero que resistíase a chegar ao mercado por mor dos elevados prezos actuais das memorias provocados pola emerxencia da IA. Pese aos atrancos, Valve comprometérase a lanzar a súa nova Steam Machine este verán, e finalmente a Steam Machine xa está dispoñible para a súa reserva, aínda que a un prezo moi superior do que Valve planificara inicialmente.
A partir de hoxe podemos escoller unha versión da Steam Machine para entrar nunha lista de agarda que se pechará o vindeiro xoves ás 19:00 horas. Unha vez recibidas as reservas as solicitudes reordenaranse ao chou e o resultado da posición na listaxe para facerse cunha destas novas consolas de videoxogos remitirase por correo electrónico aos interesados.
A Steam Machine non deixa de ser un ordenador cunhas medidas de 152 x 156 x 162,4 milímetros (polo que a algúns pode lembrarlles á clásica GameCube de Nintendo) que funciona con SteamOS (distribución personalizada de Arch Linux), procesador e gráfica AMD capaz de permitir xogar en 4K, 16 GB de RAM DDR5 e 8 GB de VRAM GDDR6, 512 GB/2 TB de almacenamento, numerosos portos (Gigabit Ethernet, DisplayPort 1.4, HDMI 2.0, 1 USB-C e 4 USB-A), Wi-Fi 6E, Bluetooth 5.3 e fonte de alimentación integrada.
O detalle máis espiñento desde novo ordenador para xogar é o seu prezo, xa que parte de 1.039 euros para a súa configuración con 512 GB de almacenamento (algo bastante pobre para o tamaño dos videoxogos actuais), mentres que a versión máis completa inclúe 2 TB de almacenamento e un mando por 1.428 euros.
Temos así un equipo bastante máis caro que as consolas de videoxogos actuais, pero que realmente en un PC, polo que está máis enfocado a ser como un segundo equipo para usuarios que queren trasladar a experiencia de xogos no seu ordenador ao televisor do salón ou a outra estancia onde unha configuración de ordenador de sobremesa gaming non resulta acaída por espazo, deseño e mesmo ruído.
Aínda que o equipo resulte máis caro que unha consola (de feito, custa practicamente o dobre que unha PS5, cando ten un rendemento moi semellante), cómpre salientar que funciona co catálogo de xogos de Steam, polo que o gasto en videoxogos pode ser considerablemente inferior ao que se faría en consola (especialmente polas agresivas rebaixas que fan periodicamente na tenda dixital de xogos de Valve).
Outro detalle que contribúe a facer que o gasto en xogos poida ser máis moderado é que normalmente é posible gozar de videoxogos moi antigos, algo que, por desgraza, non acontece no mercado das consolas, de xeito que é doado atopar a usuarios que adquiriron 3 veces o GTA V (pois mercaron o título en cada xeración de consola).
Pese a que estamos ante un produto cun prezo moi esaxerado (a intención inicial era que situase entre os 700 e 900 euros aproximadamente) dende Valve tiveron a ben adoptar algunhas medidas para evitar aos especuladores, e para poder facer cun destes novos equipos será preciso contar cunha conta de Steam con boa saúde e ter realizado algunha compra antes do 27 de abril, así como tamén limitarán o número de pedidos a un por fogar. As compras deberían comezar a concretarse o vindeiro día 29, pero descoñécese polo momento o ritmo ao que se servirán as unidades dun dos produtos máis agardados para os xogadores de PC.

A Steam Machine está equipada con multitude de portos