Ábrese a reserva da primeira cámara comercial de cine inmersivo

martes, 17 de decembro do 2024 Marcus Fernández

As Apple Vision Pro abren a posibilidade de consumir vídeo inmersivo de grande calidade, pero co grande atranco de que actualmente apenas hai contidos nese formato coa excepción dos creados en colaboración coa propia Apple, e para axudar a solucionar tal limitación chega a xente de Blackmagic Design, que xa anunciou en xuño que estaba a preparar unha cámara de vídeo optimizada para a o cine inmersivo, e agora abre as reservas para a nova Blackmagic URSA Cine Immersive, cámara que chegará ao mercado no primeiro trimestre de 2025 a un prezo de 29.995 dólares.
A nova cámara conta cun sensor de 8.160 x 7.200 píxeles por ollo con 16 pasos de rango dinámico e a posibilidade de capturar até 90 imaxes estereoscópicas por segundo, conseguindo así imaxes de grande realismo, que poidan transmitir a sensación de estar en persoa no lugar que se está a filmar.
O formato de vídeo desta cámara é compatible coa vindeira versión de DaVince Resolve Studio, aplicación que contará coa funcionalidade de previsualizar os contidos nun monitor 2D ou directamente nun visor Apple Vision Pro.
A Blackmagic URSA Cine Immersive está equipada con saída 12-SDI, 10G Ethernet, USB-C, son XLR, unha pantalla táctil HDR de 5 polgadas nun lateral e unha pantalla LCD de status no outro lado. Tamén inclúe unha fonte de alimentación de 250 watts e un soporte para baterías de alto voltaxe.
Un extra moi interesante desta cámara é que inclúe 8 TB de almacenamento en rede de alta velocidade, que pode sincronizarse en tempo real coa nube de Blackmagic, o que permite capturar até 2 horas de vídeo en formato Blackmagic RAW 8K estereoscópico, para que os editores poidan traballar coas gravacións remotamente.
Queda agora por ver se a adopción deste tipo de cámaras se realiza de xeito masivo, para que nos vindeiros anos a produción de vídeo inmersivo deixe de ser anecdótica.