Ábrese a reserva das HoloLens para os desenvolvedores norteamericanos

luns, 29 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Cos procesos de reserva de Oculus Rift e HTC Vive abertos, e en espera de que aconteza o mesmo con PlayStation VR, Microsoft fai o propio coas HoloLens, na súa edición para desenvolvedores, que xa pode encargarse nos EE.UU., recibíndose a partires do 30 de marzo, pero con serias limitacións: para facerse con este sistema hai que estar en EE.UU. ou Canadá, pagar 3.000 dólares e ter fortuna, xa que o número de unidades distribuídas vai ser cativo, xa que estamos aínda ante as primeiras unidades para desenvolvedores.
Coas Microsoft HoloLens Development Edition parece claro que a compañía de Redmond non quere repetir os erros de Google coas súas Glass, e camiña con máis prudencia, non ousando a pór datas á súa experiencia que mestura realidade aumentada con realidade virtual que definen como realidade mixta.
Durante o ano pasado Microsoft estivo a esforzarse en contactar con desenvolvedores e clientes comerciais para imaxinar xuntos o que será o seu futuro holográfico, de aí que convidaran a milleiros de desenvolvedores a probar prototipos de HoloLens para que puidesen ver o seu potencial e así axudar a desenvolver esta tecnoloxía que tanto podería aplicarse ao mundo dos videoxogos como ao da empresa, xa que permite converter o noso contorno nun escenario virtual co que interactuar, de xeito que pódense proxectar pantallas virtuais ao noso redor, que participarán do ecosistema de Microsoft, de xeito que poderemos ver nacer todo un mercado de aplicacións holográficas na tenda de Windows, que xa contan con ferramentas para o seu desenvolvemento, e incluso un emulador, para que non sexa preciso contar cun kit de HoloLens para poder desenvolver produtos para esta prometedora tecnoloxía.

JPEG - 53.5 KB
O sistema de HoloLens busca fusionar o noso contorno cun mundo virtual

Edición para desenvolvedores

O lote de HoloLens que distribúe Microsoft carece de cámaras externas e cables, á vez que tampouco precisa dun smartphone ou dun ordenador para funcionar, xa que o propio sistema incorpora o suficiente para poder xerar un mundo virtual ao noso redor, no que poder proxectar os hologramas virtuais que logo veremos ao vestir as lentes con esta tecnoloxía.
A tecnoloxía de HoloLens conta cunhas lentes a través da que pode verse, pero nas que tamén poden proxectarse hologramas virtuais en cor e de baixa latencia, dando a impresión de que se debuxan obxectos e pantallas ao noso redor, sendo posible gravar en vídeo a realidade mixta xerada mediante cámaras integradas, para poder compartir o resultado con outras persoas que non teñan HoloLens.
Estes mundo virtuais permitiría crear e dar forma a hologramas con xestos, comunicarse con aplicacións mediante a voz, e navegar coa mirada, procurando empregar sistemas de control o máis naturais posibles. Para arrincar, os que se fagan co kit de desenvolvemento de HoloLens, poderán gozar de centos de aplicacións preparadas para esta tecnoloxía, como OneDrive, Mapas, Películas, Groove Music ou Microsoft Office, de xeito que será moi doado comezar a experimentar co moito que as HoloLens poden facer posible.

Contidos dispoñibles

Kudo Sunoda explicou unhas das posibilidades de HoloLens nun artigo no que destaca a aplicación HoloStudio, na que podemos crear contidos 3D en 3D; comenta como podemos realizar videoconferencias a través dunha versión especial de Skype; dá conta de videoxogos como Fragments (que achega unha aventura de detectives na que teremos que investigar un crime), Young Conker (xogo de plataformas cunha mecánica innovadora) ou RoboRaid (un shooter holográfico); e, a xeito de colofón, prepararon Actiongram, unha aplicación creativa creada pensando na creación de contidos holográficos, xa que permite mesturar contidos holográficos con elementos do mundo real permitido a creación de sorprendentes vídeos de realidade mixta.
Sunoda tamén insiste no feito de que agora están centrados no aproveitamento desta tecnoloxía, na que aínda non están nada claros os que serán os seus contidos máis atractivos nin os ámbitos de aplicación nos que trunfará, de aí que busquen que os desenvolvedores sexan creativos durante os vindeiros meses para identificar os elementos chave que poidan levar a un produto comercial sobre o que non teñen ningunha presa para non volver cometer erros anteriores.

PUBLICIDADE