Ábrese a reserva dos novos auriculares con cable para Xbox

xoves, 19 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Os auriculares sen fíos para Xbox de Microsoft convertéronse nun grande éxito ao chegar como unha solución moi axeitada para os que combinan os xogos de consola con outras fontes de son por Bluetooth (por exemplo, para atender a chamadas telefónicas ou conversas a través de Discord), pero para quen simplemente quere uns bos auriculares para a Xbox chegarán o 21 de setembro os auriculares estéreo de Xbox a un prezo de 59,99 euros.
Estes novos auriculares con cable poden conectarse ao ordenador, a dispositivos móbiles ou ao mando da Xbox, ofrecen compatibilidade coas tecnoloxías de audio espacial (Windows Sonic, Dolby Atmos e DTS Headphone:X) e integran un micrófono axustable que pode encartarse cando non se usa.
Temos aquí unha magnífica solución para quen desexe gozar de xogos con son envolvente e conversar con outros xogadores con nitidez, sen ter que preocuparse de baterías e conexións sen fíos (e a súa latencia), e a un prezo máis accesible que os dos seus equivalentes sen fíos. Tamén é un bo argumento de compra a súa alta compatibilidade, xa que ao conectarse mediante cable funciona con numerosos equipos informáticos e consolas de videoxogos.

Os novos auriculares teñen un deseño elegante e sinxelo, e ofrecen unha boa calidade sonora a un prezo axustado.

PUBLICIDADE