Ábrese o prazo para presentar proxectos a Galiciencia, a maior feira científica de Galicia
luns, 23 de xaneiro do 2023
Volve Galiciencia,
promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- en
colaboración coa Consellería de Economía e a FECYT
desde o ano 2006 e co obxectivo de
achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de
Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. A mañá do 23 de xaneiro
abriuse o prazo para que os centros se inscriban e presenten os seus
proxectos; poderán facelo ata o vindeiro 20 de marzo en
www.galiciencia.com.
Haberá un límite de 45 asistentes máximo por centro escolar e un
mínimo de 25, e o Tecnópole encargarase de xestionar e custear o
transporte.
Esta 18ª edición terá lugar os días 10, 11 e
12 de maio. A temática elixida é “Aeronáutica e Aeroespacial”,
aproveitando que o Parque conta coa Aula Newton Galicia, centrada en
introducir aos máis novos no mundo da aviación. Así, na modalidade
presencial poden presentarse dous proxectos por centro educativo, e
no caso da modalidade online non hai límite.
O primeiro premio está dotado con 1.000 euros,
para financiar a participación na maior feira científica a nivel
estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona. O
segundo, de 500€, permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de
ciencia en Bilbao. O terceiro recibirá 200€ para a compra de
material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Así mesmo, premiaranse outras categorías entre
as que destaca o proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado coa
igualdade de xénero. Tamén se galardoará o proxecto coa mellor
valoración popular e, ademais, se hai un número considerable de
proxectos, premiarase a mellor proposta de FP.
A feira compleméntase con actividades, talleres,
concursos diversos e espectáculos de ciencia: o alumnado galego de
primaria poderá participar no concurso de deseño da camiseta
oficial de Galiciencia 2023. O prazo estará aberto tamén ata o 20
de marzo, enviando un correo cos seus deseños escaneados a
galiciencia@tecnopole.gal ou
presentando os orixinais na propia recepción do Parque.
Tamén haberá un concurso de fotografía a través de Instagram, que
remata o 24 de abril e diríxese tanto ao alumnado como ao
profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España.
Por último, o alumnado galego desde 4º de
Primaria a Bacharelato poderá participar no Desafío científico
Atrévete coa Aeronáutica!
inscribíndose antes do 23 de febreiro en atrevete.galiciencia.com.