Ábrese o prazo para presentar series ao noveno Carballo Interplay

martes, 23 de novembro do 2021 S. P.

A novena edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, un dos certame de webseries máis relevantes a nivel estatal e internacional, celebrarase o ano vindeiro entre 6 ao 9 de abril. Segundo comunicou esta semana a organización (o Concello de Carballo e Interplay Producións), o festival xa ten aberta a inscrición para todas aquelas persoas que desexen presentar as súas series ou proxectos de serie á sección oficial, que repartirá 2.800 euros en premios. Poden facelo até o 20 de febreiro de xeito gratuíto a través da web carballointerplay.com ou da plataforma Film Freeway.
Para participar na sección oficial a concurso, as series deben ser producidas entre os anos 2020 e 2022 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, pero poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou de animación, nacionais ou internacionais. Entre as propostas recibidas, un xurado composto por profesionais do sector audiovisual e da cultura premiará a mellor serie e a mellor serie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría, a mellor dirección e o mellor guión, con 200 euros e trofeo. As escollas do xurado novo e máis do público levarán 400 euros e trofeo, cada unha.

PUBLICIDADE